Ir o contido principal

Os cursos de verán da USC incrementaron nun 20% o número de participantes

Un total de 1.732 persoas realizaron este verán algún dos cursos que a Universidade de Santiago programou en dez concellos galegos ademais de Santiago e Lugo. O atractivo da oferta estival da institución levou a que nesta ocasión se apuntasen nestas actividades formativas 341 persoas máis que o pasado ano. A USC fai desde hai tempo unha aposta decidida por esta programación que, fóra do calendario lectivo, organiza por toda a xeografía galega tratando cuestións da máis diversa índole. Dende o conflito do Sáhara occidental ata o medioambiente en Galicia pasando polas tecnoloxías láser ou a innovación tecnolóxica nas explotacións gandeiras. Pero as cifras deste ano non só se incrementaron no número de participantes. Tamén as sedes dos cursos foron máis este verán -Santiago, Lugo, A Pastoriza, Arzúa, Guitiriz, Lalín, Nigrán, Rianxo, Seoane do Courel, Vilanova de Arousa, Cambados e Vilagarcía de Arousa- e os cursos, que pasaron de 33 a 43. Da oferta, que abrangue todas as áreas de coñecemento contando coa participación de 500 docentes, destacaron polo volume de matrícula os cursos de coaching educativo, con 147 inscritos; de música na primeira infancia, con 90; primeiros auxilios (88); células nai na saúde e nas enfermidades (78); a prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI (77); e o curso de educación emocional, con 75 participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2014.