Os cursos de verán da USC previstos para Vilagarcía comezarán o 9 de xullo co estudo do tema 'Investigación, Innovación e Desenvolvemento: novos marcos, novos retos'
A investigación como profesión, retos e desafíos do persoal investigador, a investigación como motor de desenvolvemento ou ética e compromiso social dos investigadores serán algún dos temas que se van tratar no curso de verán ‘Investigación, Innovación e Desenvolvemento: novos marcos, novos retos’ que se celebrará entre os días 9 e 11 de xullo no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.
Este curso organízase en colaboración co Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz (IGESIP) e co cofinanciamento do Concello de Vilagarcía e do Instituto Camões.
No primeiro día do encontro investigadores da USC e representantes da Federación de Jóvenes Investigadores, da Asociación Galega de Editores e da Xunta de Galicia debaterán sobre retos e desafíos do profesional investigador no século XXI, fronteiras matemáticas nas ciencias sociais e sobre novas e actuais aplicacións das matemáticas.
Ao día seguinte, o 10 de xullo, o profesor da EPS e membro de Enxeñaría sen Fronteiras Jorge Molinero abrirá o programa da segunda xornada cun relatorio sobre o labor dos investigadores como motor do desenvolvemento. Deseguido, celebrarase unha mesa redonda sobre ‘Ética e compromiso social no investigador e na pescuda’. O programa do día completarase con dous relatorios sobre o compromiso social na pescuda en ciencias humanas e sobre ‘Industrial cultural na Galicia e Irlanda: un patrón de conduta para o desenvolvemento local’.
A derradeira xornada deste curso de verán estará dedicada á cultura de paz con intervencións que incidirán na investigación para a paz no século XXI, a súa relación co desenvolvemento humano, estudos de paz e resolución de conflitos e sobre educación e sensibilización para unha cultura de paz. Nela participarán docentes da USC, de Zaragoza e da Universidade Fernando Pessoa, integrantes do Seminario Galego de Educación para Paz, do Centro Galego de Investigación para a Paz e do Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz.