Ir o contido principal

Os Cursos de Verán da USC triplicaron a súa oferta e número de relatores

O vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres, aportou datos sobre a evolución dos cursos dende 2006 a 2008

Máis de 7.500 estudantes matriculados nun total de 108 cursos con case 2.000 relatores e cun orzamento total de 2.160.000 euros son algúns dos grandes indicadores que describen a evolución cuantitativa dos Cursos de Verán da USC entre 2006 a 2008. Os datos presentounos o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres, que resumiu a evolución da oferta estival da institución académica compostelá durante o seu período de xestión.
Elias J. Torres fixo balance do desenvolvemento das actividades formativas nun acto celebrado no Colexio de Fonseca no que tamén participaron o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, e o secretario do Consello Social, Benigno Carril.
En concreto, o vicerreitor destacou que a oferta pasou de 20 programas formativos en 2006 a 30 en 2007 e 58 na edición de 2008. Neste tempo, o número de relatores creceu e durante os tres anos contáronse 347, 636 e 973 expertos, dos cales, case 400 eran profesores da USC. Elias J. Torres subliñou que o dato mostra como a actividade docente da Universidade continúa en verán.
No tocante ás matrículas de estudantes, a Universidade de Santiago contabilizou 1.637 en 2006, 2.190 en 2007 e 3.757 en 2008; o que significa un incremento dun 130 por cento. Por outra banda, o orzamento por ano pasou de 400.000 euros ao comezo da xestión a 1.160.000 euros para a última edición, cantidade que nun 80 por cento procede de capital externo á USC.
Localidades de acollidaEn 2006, os cursos de verán tiveron lugar en Santiago, Lugo, Caldas de Reis, Catoira, Foz, Lalín, Noia, Muros, Sarria e Vilagarcía e, ao ano seguinte, sumouse Seoane do Courel.
Non obstante, o maior incremento produciuse este estío cun total de dezaoito localidades e coa instalación de Campus de Verán en Santiago, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Moaña, Noia, Sada e Sarria. Tamén se celebraron sesións académicas en Mondoñedo, Ames, Caldas de Reis, Foz, Lalín, Lousame, A Coruña, Muros, Rianxo, Ribadeo e Tomiño. Para consolidarse como Campus, un Concello debe acoller tres ou máis cursos, explicou no encontro Elias.
Logo da edición 2008, o vicerreitor indicou que un 86,7 por cento dos estudantes se manifestaron satisfeitos coa experiencia, cifra que se mediu tendo en conta se repetirían a experiencia e se a recomendarían a outros. Outro resultado salientable é que 1 de cada 4 alumnos son profesionais que acudiron aos cursos para ampliar a súa formación.
Por orde, as áreas de maior peso son as Ciencias Sociais seguidas de Dereito e Relacións Laborais, Educación, Humanidades, Medio Ambiente, Saúde, Mar e Agricultura e elementos de aplicación das Novas Tecnoloxías. Elias J. Torres comentou que “estes son os puntos fortes que demanda a sociedade” e adiantou que o vindeiro ano servirá para consolidar o desenvolvemento positivo dos cursos de verán da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2008.