Ir o contido principal

Somos a curta! volve premiar humor e lingua na súa segunda edición

Somos a curta! volve premiar humor e lingua na súa segunda edición
Somos a curta! volve premiar humor e lingua na súa segunda edición
O prazo para presentar os traballos audiovisuais remata o 7 de novembro

O humor volve ser a clave do certame Somos a curta! que por segundo ano consecutivo pon en marcha a Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación coa colaboración da Liga Estudantil Galega e o Servizo de Normalización Lingüística dirixido ao alumnado de bacharelato artístico, das diferentes escolas de Imaxe e Son e das tres universidades galegas. O prazo para participar péchase o 7 de novembro. As curtas, cuxa duración non pode sobrepasar os 10 minutos, deben elaborarse en lingua galega coa intención de promover o idioma nun eido clave para a sociedade como o audiovisual. Os dous proxectos mellor valorados (por un xurado profesional) recibirán 400 e 200 euros, respectivamente, e ademais entregarase un premio á curta con maior acollida entre o público. O pasado ano Longa noite de verga fíxose co máximo galardón. Sexo, literatura e enxeño foron os ingredientes dunha orixinal obra que se pode visionar a través do perfil de Facebook da Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2012.