Ir o contido principal

Somos a curta! volverá premiar humor e lingua na súa cuarta edición

O alumnado das tres universidades galegas e do bacharelato artístico das diferentes escolas de Imaxe e Son de Galicia poderá participar na cuarta edición do Certame de curtas de comedia ‘Somos a curta!’, que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que subvenciona. As persoas interesadas terán ata o 18 de outubro para presentaren as súas pezas audiovisuais. As curtas, cuxa duración non pode sobrepasar os 10 minutos, terán como piar fundamental o humor. Deben elaborarse en lingua galega, coa intención de promover o noso idioma nun eido clave para a sociedade como o audiovisual. O IV Somos a curta! da Facultade de Ciencias da Comunicación está dotado con dous galardóns de 400 e 200 euros, respectivamente, para os dous proxectos mellor valorados polo xurado. Ademais, farase entrega dun premio á curta que acade unha maior acollida entre o público asistente á gala que terá lugar o 28 de outubro ás 20:00 horas no Salón de Actos do centro, na cal se visualizan as curtas presentadas e mediante voto electrónico secreto se elixe o Premio do Público, dotado con diploma. A Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación, coa colaboración do alumnado, puxo en marcha a web http://somosacurta.wix.com/2015, onde está dispoñible toda a información e as bases sobre o concurso e a gala, o formulario de participación así como as curtas gañadoras en pasadas edicións: Longa noite de verga (2011), Por Couso (2012), Familia (2012), Santiago de Compostela 2014 (2013)e Loita de clases (2013).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2015.