Dagmar Lieblová ofrecerá o venres na USC o seu testemuño como supervivente de varios campos de concentración nazi
A cidadá checa Dagmar Lieblová ofrecerá este venres 15 unha charla na que compartirá o seu testemuño como supervivente de catro campos de concentración e exterminio nazis. A conferencia, ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade, ten lugar con motivo da produción galega de ‘Brundibár’, que se estreará en Santiago o sábado 17 ás 20.00 horas no Teatro Principal. Trátase dunha ópera infantil en dous actos con música de Hans Krása e libreto en checo de Adolf Hoffmeister na que participou a propia Lieblová.
‘Brundibár’ foi representada máis de 50 veces por un coro de nenos xudeus checos encerrados no campo de concentración de Terezín, entre os que estaba a propia Lieblová e onde tamén se atopaba Hans Krása. No gueto de Terezín desenvolvíase de forma espontánea unha certa vida cultural, debido en parte a que nese campo se atopaban como reclusos numerosos músicos, pintores e actores. E se ben as primeiras actividades culturais celebrábanse clandestinamente, logo os nazis permitiron os eventos, que utilizaron propagandisticamente para ocultar o holocausto.
A ópera –hoxe símbolo de dignidade e resistencia fronte ao odio e os abusos– soará así por primeira vez en galego este sábado, interpretada pola Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela e a Orquestra Praeludium. A Galicia chega grazas á organización dos Amigos da Ópera de Santiago. Cunha montaxe de máis de 60 músicos sobre o escenario, a dirección de escena deste novo ‘ Brundibár’ correspóndelle a Cándido Pazó, que xunto a Fernando Reyes adaptou tamén o texto. A directora do Centro de Linguas Modernas, Kateřina Vlasáková, e o Servizo de Normalización Lingüística da USC encargáronse da tradución ao galego.
Dagmar Lieblová
Dagmar Lieblová naceu en Kutná Hora en 1929 na familia dun médico xudeu. En xuño de 1942 foron trasladados ao campo de Terezín e en decembro de 1943 deportáronos a Auschwitz-Birkenau, onde morreron seu pai, súa nai e súa irmá. Dagmar, a quen un erro administrativo fixo 4 anos maior, abandonou Auschwitz no verán de 1944. Logo de pasar por Hamburgo e finalmente por Bergen-Belsen, ese campo foi liberado en abril de 1945 polas tropas británicas. Dagmar Lieblová volveu a Checoslovaquia en xullo dese ano e alí estudou na Facultade de Filosofía da Universidade Carolina de Praga.