O dano moral en Europa estudarase nun congreso internacional na Facultade de Dereito
Observar a evolución do dano moral no ordenamento xurídico español e nos máis próximos é a finalidade dun congreso internacional que terá lugar na Facultade compostelá de Dereito a mediados de abril coa participación de varios expertos europeos.
Unha das categorías clave da responsabilidade civil, o concepto de dano, caracterizouse no Dereito comparado por unha notable dose de ambigüidade e heteroxeneidade que “nin sequera a impronta do Dereito comunitario, incluíndo as chamadas normas de soft law, conseguiu ata agora desterrar”, comentan os organizadores do conclave. Entre os escollos fundamentais na busca dun contido unívoco para a noción de dano sobresae o denominado dano non patrimonial; o que na terminoloxía máis empregada no sistema xurídico español sería o dano moral.
O encontro internacional analizará o tratamento do dano moral dentro dos principios de Dereito Europeo da Responsabilidade civil e algunhas consecuencias prácticas desta diversidade nas situacións transnacionais, concretamente nos casos italiano, francés e alemán.