Ir o contido principal

O dano moral en Europa estudarase nun congreso internacional na Facultade de Dereito

O encontro inaugúrase este venres

Observar a evolución do dano moral no ordenamento xurídico español e nos máis próximos é a finalidade dun congreso internacional que terá lugar na Facultade compostelá de Dereito este venres, día 11, coa participación de varios expertos europeos.
Unha das categorías clave da responsabilidade civil, o concepto de dano, caracterizouse no Dereito comparado por unha notable dose de ambigüidade e heteroxeneidade que “nin sequera a impronta do Dereito comunitario, incluíndo as chamadas normas de soft law, conseguiu ata agora desterrar”, comentan os organizadores do conclave. Entre os escollos fundamentais na busca dun contido unívoco para a noción de dano sobresae o denominado dano non patrimonial; o que na terminoloxía máis empregada no sistema xurídico español sería o dano moral.
O encontro internacional analizará o tratamento do dano moral dentro dos principios de Dereito Europeo da Responsabilidade civil e algunhas consecuencias prácticas desta diversidade nas situacións transnacionais, concretamente nos casos italiano, francés e alemán.
ProgramaA inauguración oficial do encontro celebrarase ás 9:30 horas no Salón de Actos da Facultade presidida pola catedrática de Dereito Civil da USC, Mª Paz García Rubio. Deseguido, o catedrático da Universidade de Girona, Miquel Martín Casals, falará sobre o dano moral nos PETL, ao que lle seguirá o profesor Josep Solé Feliu que proporá algúns aspectos clave do dano moral dende un enfoque do Dereito Comparado. A xornada matinal completarase coa celebración dunha mesa redonda no que investigadores da Universidade compostelá analizarán os principais sinais de identidade do dano moral en Francia, Italia e Alemaña.
Xa pola tarde a partir das 16:30 horas, Matthias Lehmann, da Universidade de Bayreuth, presentará o relatorio ‘A responsabilidade por danos nos casos transfronteirizos: o regulamento Roma II’. A continuación, o profesor da USC Javier Maseda Rodríguez falará sobre os danos morais e a competencia xudicial internacional no espazo xudicial europeo. Marta Requejo, tamén da universidade santiaguesa, será a encargada de presentar o relatorio ‘Dano moral e pugnitive damages no tráfico xurídico internacional’.
Estas xornadas concluirán ás 20:00 horas coa presentación das conclusións a cargo do catedrático de Dereito Internacional Privado da USC, Santiago Álvarez González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2008.