Ir o contido principal

Dar fortaleza ao Campus Terra implica “achegar importantes beneficios para Lugo e para Galicia no seu conxunto”

O acto tivo lugar na EPSE
O acto tivo lugar na EPSE
“Imos garantir a continuidade das titulacións que son centrais na configuración deste campus de especialización”, destacou o reitor Antonio López Díaz no seu discurso do acto conmemorativo do San Tomé

“Fortalecer o Campus Terra”. Esa é a grande aposta da USC para os vindeiros anos, tal e como puxo de manifesto o reitor Antonio López Díaz no seu discurso do acto conmemorativo do San Tomé que se desenvolveu este luns 27, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Dar pulo á Universidade en Lugo, dixo o reitor, non é só “o mellor para a USC”, senón que tamén “achega importantes beneficios para a provincia e para Galicia no seu conxunto”. Partindo desta premisa, Antonio López Díaz repasou os logros acadados por este campus de especialización ao longo dos últimos anos e perfilou as principais metas de cara ao futuro. 

Incremento na matrícula

O reitor comezou percorrendo as 22 titulacións e seis programas de doutoramento que integran a oferta docente da sede universitaria luguesa e lembrou a “evolución positiva” en canto ao estudantado de primeira matrícula no Campus Terra. Así, puxo o foco no caso do Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, no cal a matrícula se incrementou nun 35%. Tamén aumentou de forma importante o número de estudantado internacional —nun 89% entre ambos os bienios para graos e nun 60% para mestrado—. Nas primeiras matrículas, no conxunto das titulacións do Campus de Lugo, a evolución apreciada nos últimos seis anos —dende o curso académico 2018-2019 ata este 2024-2025— tradúcese nun incremento do 41%,  pasando de 621 a 876 estudantes de primeira matrícula. Este aumento permitiu situar o estudantado total arredor dos 4.300 para o conxunto do campus, recuperando unha cifra similar á que había dez anos atrás. Con respecto ás titulacións, o reitor salientou que “imos garantir a continuidade das titulacións que son centrais na configuración do Campus Terra como campus de especialización e que teñen unha especial importancia nesta Escola”. 

“Pero este éxito non pode medirse só en número de estudantes por moi importantes que estes sexan, senón que require ter en conta outros indicadores da calidade”, destacou Antonio López. Neste senso, o reitor resaltou a distinción do Grao en Veterinaria como grao de excelencia, sendo o primeiro e o único polo momento da Universidade de Santiago de Compostela, que recoñece por un período de seis anos o compromiso coa calidade e coa proxección social destes estudos. “Estou seguro de que, seguindo este  exemplo pioneiro, outras titulacións, tanto de Compostela, como deste campus de Lugo, chegarán a incorporarse a este club distinguido en vindeiras convocatorias”, engadiu.

De forma máis inmediata, está planificada a ampliación da oferta docente con dous novos mestrados propostos pola EPSE: o Máster Interuniversitario de Vehículos autónomos (entre USC, UVIgo e UDC) que podería entrar en vigor no curso académico 2026-2027; e o Máster en Enxeñaría da Paisaxe, infraestruturas verdes e transición rural, que entraría en vigor tamén no curso académico 2026-2027. 

Investigación recoñecida a nivel internacional

No capítulo relativo á investigación, Antonio López Díaz lembrou como, “no esixente Ránking de Shanghai, a investigación feita dende a nosa Universidade sobresae en quince ámbitos temáticos”. Así por exemplo, a investigación en Veterinaria sitúase entre os postos 51-75 a nivel mundial e no intervalo 4-5 no ámbito estatal. O reitor lembrou tamén o centro que se está proxectando no ámbito da saúde global e que deberá estar aprobado a inicios do segundo semestre de 2025, o cal estará centrado na interacción entre o medio ambiente, a saúde animal e a saúde das persoas. Esta temática, matizou o reitor, constitúe “un paraugas axeitado” para acoller boa parte da especialización de Campus Terra en áreas nas que a investigación é punteira. 

De feito, Antonio López lembrou un moi recente estudo dos profesores Roberto Bande Ramudo e Diana Fernández Méndez que pon de manifesto que o impacto total do Campus Terra sobre o valor total da produción provincial supera os 75 millóns de euros, dato este que evidencia a importancia de investir na sede universitaria luguesa. Neste senso, o reitor puxo en valor o financiamento da Xunta de Galicia para o Campus Terra, así como o apoio institucional recibido por parte do Concello de Lugo e da Deputación Provincial. 

Lección Maxistral

Acompañaron o reitor na mesa presidencial o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco J. Fraga López; a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera; e a presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra Rey. A lección maxistral correu a cargo do profesor Roque Julio Rodríguez Soalleiro, catedrático de Produción Vexetal, e versou sobre o tema 'Entre carballos e castiñeiros: xestión activa para producir madeira de calidade'.

“A Universidade, sobre toda na súa vertente das ensinanzas técnicas ou de enxeñaría, aparte da súa actividade docente e investigadora, debe xerar alternativas, neste caso de xestión do territorio, que teñan unha posibilidade de aplicación a nivel local”, destacou na súa intervención o profesor Rodríguez Soalleiro. A problemática das frondosas caducifolias en Galicia, continuou o profesor, é similar ao que acontece noutros países europeos, “nos que os desafíos do cambio climático están mudando os escenarios de dispoñibilidade de madeira de coníferas e aumentando os problemas sanitarios nas plantacións de especies de crecemento rápido”. O necesario incremento da resiliencia de todo o sector forestal, entendida como a capacidade dun sistema de adaptarse ás perturbacións e seguir funcionando dun xeito similar á situación previa, “pasa na miña opinión por unha xestión activa destas formacións”, concluíu.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.01.2025.