Ir o contido principal

David Araújo, premio E-nnova Health 21 polo proxecto ‘Diagnóstico por intelixencia artificial de lipodistrofias pouco frecuentes’

David Araújo
David Araújo Vilar pertence ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC
Os galardóns que conceden Diario Médico e Correo Farmacéutico distinguiron a este profesor da USC e responsable da Unidade de Lipodistrofias Infrecuentes do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do CHUS na categoría de Big Data e Intelixencia Artificial
Santiago de Compostela

O profesor da USC na Facultade de Medicina e Odontoloxía David Araújo Vilar foi recoñecido este mércores no marco dos Premios E-nnova Health 21 que conceden Diario Médico e Correo Farmacéutico. O proxecto ‘Diagnóstico por intelixencia artificial de lipodistrofias pouco frecuentes’ foi distinguido na categoría Big Data e Intelixencia Artificial. Araújo Vilar pertence ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e é tamén responsable da Unidade de Lipodistrofias Infrecuentes do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do CHUS, alén de pertencer á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) na que tamén toma parte a USC.

O proxecto premiado consiste na mellora dunha App para a axuda ao diagnóstico das lipodistrofias infrecuentes, LipoDDX, con software e marca rexistrados. “As lipodistrofias son un conxunto moi heteroxéneo de enfermidades do tecido adiposo, habitualmente moi raras e, xeralmente, asociadas a unha desaparición do mesmo, o que implica frecuentemente co-morbilidades metabólicas e hepáticas graves, e unha diminución da esperanza e calidade de vida”, explica o profesor Araújo Vilar.

O diagnóstico destas doenzas, que poden ser de orixe xenético ou adquiridas, é sempre clínico. “Dada a súa rareza con frecuencia ou son mal diagnosticadas ou hai un gran retraso no diagnóstico de entre dez e vinte anos, coas correspondentes implicacións no seu prognóstico”, sinala o profesor da USC.  Por esta razón, e co obxecto de facilitar aos médicos unha ferramenta sinxela para a axuda ao diagnóstico, “nestes últimos anos desenvolvemos un algoritmo que puxemos en marcha nunha aplicación de balde para smartphones, tanto para  iOS como para Android, LipoDDX, que foi validada coa correspondente publicación científica e que contou co respaldo institucional da USC e do SERGAS”.

Dada a dilatada experiencia neste eido ao ser centro de referencia estatal para estas enfermidades, con máis de 300 doentes de toda España en seguimento e tratamento, “enseguida fomos conscientes de que sería posible e necesario empregar as novas tecnoloxías informáticas e computacionais de tratamento de imaxes para mellorar LipoDDX e así foi como naceu LipoDDX-Image”. A idea foi utilizar a biometría, a minería de datos e as ferramentas de Intelixencia Artificial, nomeadamente Deep Learning e Machine Learning, para mellorar de xeito substancial a primeira App. A idea, actualmente en proceso de desenvolvemento, consiste en xerar modelos matemáticos preditivos a partir da recollida encriptada de imaxes dos doentes mediante algoritmos baseados en Deep Learning. Estes modelos posteriormente compleméntanse con outros baseados en Machine Learning a partir doutros datos clínicos que non poden obterse dunha imaxe. A conxugación destes dous modelos preditivos “permite aproximarnos a un diagnóstico de certeza que, segundo as nosas primeiras estimacións, pode achegarse ao 95%”, explica o profesor Araújo.

Unha vez "adestrada", calquera facultativo do mundo poderá —cunhas simples fotografías obtidas mediante o seu smartphone e tras a correspondente autorización do doente mediante pegada dixital e respondendo a preguntas sinxelas— achegar o diagnóstico. A App estará dispoñible de balde en galego, castelán e inglés O grupo do profesor Araújo complétano Sofía Sánchez Iglesias, Antía Fernández Pombo e Silvia Cobelo Gómez, coa axuda de José Luis Prado Seoane, experto en Intelixencia Artificial, e de Anxo Rodríguez López, enxeñeiro químico e experto no desenvolvemento de aplicacións para móbiles.

Consorcio científico

“O noso proxecto naceu coa intención de ser mellorado polas achegas da comunidade científica internacional de xeito libre, e particularmente polos expertos en lipodistrofias de calquera parte do mundo”, continúa o profesor Araújo, tamén presidente dende 2019 do European Consortium of Lipodystrophies. Este consorcio científico está constituído por máis de 50 grupos de investigación de máis de 25 países de todo o mundo, moitos deles “cunha enorme experiencia na abordaxe clínica destes doentes e que permitirán mellorar a eficacia de LipoDDX-Image, o que redundará sen dúbida nun obvio beneficio para os doentes e as súas familias ao acortar os tempos de diagnóstico de certeza”, conclúe David Araújo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2021.