Ir o contido principal

David Chipperfield, Premio Pritzker 2023, visitará Compostela o 8 de novembro no marco do Programa ConCiencia

David Chipperfield. FOTO: Christian Werner
David Chipperfield. FOTO: Christian Werner
O Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá un encontro aberto do galardoado coa cidadanía
Santiago de Compostela

O arquitecto David Chipperfield, gañador do Premio Pritzker de Arquitectura 2023, visitará Compostela o 8 de novembro no marco do programa ConCiencia, dirixido polo catedrático da USC Jorge Mira. Na súa estadía, Chipperfield manterá un encontro aberto coa cidadanía que se desenvolverá no Centro Galego de Arte Contemporánea.

O Premio Pritzker, considerado popularmente como o Nobel da arquitectura, distinguiu a Chipperfield "polo seu compromiso cunha arquitectura de presenza cívica sobria pero transformadora e a definición —mesmo a través de encargos privados— do espazo público, desenvolvida sempre con austeridade, evitando movementos innecesarios e afastándose de tendencias e modas, o cal é unha mensaxe de gran relevancia para a nosa sociedade contemporánea. Tal capacidade de destilar e realizar operacións de deseño meditadas achega unha dimensión da sustentabilidade que non foi obvia nos últimos anos: a sustentabilidade como pertinencia non só elimina o superfluo, senón que tamén é o primeiro paso para crear estruturas capaces de durar, física e culturalmente”.

Chipperfield mantén un estreito vínculo con Galicia a través da Fundación RIA, iniciativa filantrópica que busca conectar retos globais con contornas concretas, establecendo vínculos entre os axentes públicos e privados necesarios para a execución de proxectos aliñados coa sustentabilidade ambiental, económica e social do territorio.

Biografía

David Chipperfield estudou arquitectura na Kingston School of Art e na Architectural Association School of Architecture de Londres antes de fundar o seu propio estudio en 1985. Creou unha metodoloxía de deseño que agora se utiliza en cinco oficinas de Londres, Berlín, Milán, Shanghai e Santiago de Compostela.

 David Chipperfield é membro do Royal Institute of British Architects e membro honorario do American Institute of Architects e do Bund Deutscher Architekten. Entre os recoñecementos que recibiu están a Orde do Mérito da República Federal de Alemaña, concedida en 2009, e o título de cabaleiro polos servizos prestados á arquitectura no Reino Unido e Alemaña, concedido en 2010. En 2011 recibiu a Real Medalla de Oro de Arquitectura do RIBA e, en 2013, o Praemium Imperiale da Asociación de Arte de Xapón, ambos os dous en recoñecemento ao seu labor ao longo de toda a súa carreira. En 2021 foi nomeado membro da Order of the Companions of Honour polos servizos á arquitectura, e en 2023 foi galardoado co Premio Pritzker de Arquitectura.

 Ademais do seu traballo de deseño arquitectónico, David Chipperfield impartiu clases e deu conferencias en escolas de arquitectura de todo o mundo. En 2012 comisariou a 13ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia baixo o título “Common Ground”. Foi o mentor de arquitectura entre 2016 e 17 para a iniciativa Rolex Mentor and Protégé Arts. En 2017 fundou a Fundación RIA, unha entidade privada sen ánimo de lucro que traballa polo desenvolvemento económico, ambiental e cultural en Galicia.

 David Chipperfield publicou numerosos libros e artigos, incluíndo “On Planning - A Thought Experiment” (2018), unha publicación que explora e teoriza as características urbanas dos desenvolvementos urbanos contemporáneos. En 2020 foi o editor invitado da revista italiana de deseño Domus.

Entre os anos 2006 e 2022, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a institución compostelá desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección da cidade de Compostela como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores e investigadoras da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2023.