Ir o contido principal

David Facal, da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con demencia tipo Alzheimer, gañador do IV Premio Humanitas

O xurado do IV Premio Humanitas, dedicado a accións solidarias e convocado polo Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC), decidiu na tarde deste luns recoñecer o labor de David Facal Mayo, socio da propia AAAAUSC que en 2006 entrou a formar parte do equipo profesional e humano da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con demencia tipo Alzheimer (Agadea).
Dende a súa incorporación á asociación galega, realizou un intenso traballo a favor das persoas que sofren demencia e das súas familias, esforzo que se viu recompensado co seu contacto directo con todos os que padecen este trastorno neurodexenerativo que cambiou a súa vida.
A Insignia de Prata da AAAAUSC e o premio en metálico seralle entregado a David Facal, cuxa candidatura foi proposta polo Servizo de Participación e Integración Universitaria, nunha cerimonia pública que se celebrará en datas posteriores.
O xurado que decidiu o premio tras un extenso debate estivo formado polo presidente do Consello Social da Universidade, Manuel Puga Pereira; o voceiro do Consello Social, Emilio Crespo Correa; o presidente da AAAAUSC, Perfecto Yebra Martul-Ortega; e o secretario da mesma, Santiago Amor Barreiro. Por parte da Universidade asistiu o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Jose M. Mayán Santos. Os membros do xurado quixeron tamén facer mención especial á candidatura de Pilar Astray Sanmartín, tesoureira da Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (Abagal), polo seu loable e meritorio labor nun problema que afecta a toda a sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2007.