Debaten este martes na EPS sobre o mundo rural galego
‘A posta en valor das superficies de monte: aproveitamentos non madeirables’ é o título da mesa redonda que este martes 18 se desenvolverá no marco das cuartas xornadas O mundo rural galego a debate. O xerente de Abonos Lourido, Ramón Lourido, e o coordinador da Granxa Educativa Agrogandeira (Allariz), Bernardo Varela, serán quen participen neste debate que terá lugar ás 16:00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo. As xornadas que os Departamentos de Economía Aplicada e de Historia Contemporánea da Escola desenvolven dende hai catro anos pretenden achegar ao alumnado do campus de Lugo a realidade actual do rural galego dun xeito multidisciplinar aplicando unha perspectiva baseada non tanto nos contidos académicos como na experiencia que poden trasladar distintos axentes ou colectivos ligados a esta realidade.
Esta cuarta edición céntrase en dous ámbitos temáticos: os usos e potencialidades dos montes e a produción ecolóxica, en sesións abertas ao público en xeral aínda que particularmente dirixidas ao alumnado do Campus de Lugo e aos profesionais que traballan no mundo rural.