Debaten sobre os retos da innovación na televisión pública europea
A innovación é unha das principais preocupacións estratéxicas da xestión das empresas públicas e privadas de medios de comunicación, como consecuencia do carácter disruptivo provocado pola introdución de novas tecnoloxías, modelos de negocio alternativos, sistemas de distribución abertos, cambios nos consumos culturais e diferentes formas de acceso dos usuarios.
Esa preocupación trasládase ao eido académico na procura de transferencia de aplicacións e o estudo do impacto das súas repercusións sociais na esfera da televisión pública en Europa. Por este motivo, Revista Latina de Comunicación Social e o Grupo de Investigación Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela promoven estes días en Compostela o I Simposio Internacional sobre Innovación en Comunicación e Retos da Televisión Pública Europea.
O encontro comezou este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación con sesións sobre indicadores de financiamento e gobernanza e perfís profesionais nas televisións públicas europeas, aínda que as xornadas propiamente ditas terán lugar a partir deste xoves 13. Será ás 9.15 horas cando teña lugar a inauguración, que correrá a cargo do decano do centro, Xosé Ramón Pousa; os profesores Miguel Túñez e Francisco Campos; e o director de Revista Latina de Comunicación Social, José Manuel de Pablos.
O director do Center for Media, Data and Society da Central European University de Budapest, Marius Dragomir, será quen pronuncie a conferencia de apertura titulada ‘Lexitimidade e innovación no servizo audiovisual público en Europa’. A continuación, terá lugar o primeiro dos paneis previstos, neste caso sobre a innovación na radiotelevisión pública actual. A sesión da tarde contará co relatorio de Tiziano Bonini Baldini, da Universidade de Siena, que falará do financiamento da radiotelevisión pública e a posibilidade do crowfunding cívico.
Xa o venres desenvolveranse dous paneis titulados ‘Gobernanza, regulamento e financiamento das RTV públicas’ e ‘Públicos de lo público’ e ás 13.30 horas presentarase o monográfico da Revista Latina de Comunicación Social publicado en Cuadernos Artesanos de Latina.