Debaten na USC sobre os desafíos da industria eléctrica e as solucións emerxentes con supercondutores
No marco do Proxecto de I+D da Unión Europea denominado ENERMAT (New Materials for Energy), este luns e o martes reúnense na USC preto de sesenta científicos, tecnólogos, responsables de I+D de empresas industriais e expertos en transferencia de I+D para debater sobre algúns dos desafíos tecnolóxicos da industria eléctrica e as solucións que poderían ofrecer os novos materiais supercondutores. A reunión, que coincide co centenario do descubrimento da supercondutividade polo físico holandés Premio Nobel Kamerlingh Onnes, inaugurouna na Escola Universitaria de Óptica e Optometría o reitor da USC Juan Casares, nun acto no que interviñeron o responsable en España de Enermat, Félix Vidal, e o coordinador internacional do proxecto, Alexander Wahl. A rede Enermat, na que participan institucións de I+D de Gran Bretaña, Francia, España e Portugal, lidéraa en España o Laboratorio de Baixas Temperaturas e Supercondutividade (LBTS) da Facultade de Física da USC que dirixe o catedrático Félix Vidal. O seu obxectivo central non é só promover a transferencia de ciencia e tecnoloxía cara ás empresas senón tamén contribuír a crear unha nova cultura de colaboración permanente entre o conxunto dos laboratorios membros de Enermat e o tecido industrial dos seus contornos. Revolución tecnolóxica A temática da reunión na USC céntrase no comportamento da última xeración de fíos e cables supercondutores, baseados en óxidos de cobre, baixo moi altas densidades de corrente eléctrica, polo menos da orde de cen veces maiores que as que poden soportar os mellores condutores metálicos convencionais, e nos efectos térmicos e a refrixeración nesas condicións. Esta problemática, xunto coas dificultades técnicas que encarecen notablemente a fabricación de cables supercondutores baseados en óxidos de cobre (materiais cerámicos), é a que está retrasando a aplicación a gran escala dos supercondutores á produción, transporte e almacenamento da enerxía eléctrica, o que suporá unha verdadeira revolución tecnolóxica para esa industria. A transcendencia da introdución masiva dos supercondutores compáraa o profesor Félix Vidal co que supuxo a roda no transporte de obxectos; “permitirá o transporte da corrente eléctrica sen perda algunha xa que fai “rodar” pares de electróns en lugar de “arrastrar” electróns individuais como nos condutores convencionais”. O aforro enerxético será “enorme, comparable ou superior a toda a produción obtida actualmente con enerxías renovables”, apunta o catedrático da USC.
Paralelamente ás conferencias e debates desenvolveranse no LBTS unhas sesións de traballos experimentais nas que se lle amosarán aos asistentes interesados cómo medir algunhas das máis importantes propiedades de transporte eléctrico dos supercondutores.