Ir o contido principal

Debe a ciencia axudarnos a vivir para sempre?

Debe a ciencia axudarnos a vivir para sempre?
Debe a ciencia axudarnos a vivir para sempre?
Catro expertos de primeira orde internacional debaten o martes na Regueifa sobre ciencia e inmortalidade

Catro expertos, dúas posturas claramente enfrontadas e unha pregunta: debería a ciencia axudarnos a vivir para sempre? Así se presenta a Regueifa de Ciencia que terá lugar este martes 7 ás 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación. Trátase da primeira ‘regueifa’ de carácter internacional, de maneira que a xornada se desenvolverá en español e en inglés, con sistema de tradución simultánea para quen o desexe, ademais de ser retransmitido en directo por USC TV (http://tv.usc.es/directo4.html en inglés).

Os continuos avances no coñecemento da biomedicina e a tecnoloxía achegan cada vez máis a posibilidade de alongar radicalmente a vida humana. Ante isto existen diferentes enfoques e perspectivas. Desde unha corrente que afirma que falta pouco para que vivamos 1.000 anos e que a orixe de todas as enfermidades está no envellecemento ata científicos que opinan que se ben é obvio que hai que tratar as enfermidades para mellorar a calidade de vida das persoas e evitar mortes prematuras, non é moralmente aceptable cambiar a nosa natureza tan radicalmente e achegarnos á inmortalidade.

Neste marco, o martes defenderán a postura de que a ciencia si debe axudar a vivir para sempre o inmunólogo profesor de investigación do CSIC CNB (CSIC_UAM) Carlos Martínez Alonso e o xerontólogo da Fundación SENS Aubrey de Grey . Carlos Martínez foi presidente do CSIC de 2004 a 2008 e logo secretario de Estado de Investigación. Como inmunólogo, contribuíu de maneira significativa ao coñecemento da activación dos linfocitos e a súa implicación nas enfermidades autoinmunes e as infeccións. Pola súa banda, De Grey é director científico da SENS Research Foundation, unha organización biomédica sen ánimo de lucro de California que realiza e financia investigación de laboratorio orientada a combater o proceso de envellecemento. Os seus intereses científicos inclúen a caracterización de todos os tipos de dano celular e molecular autoinflixidos que constitúen o envellecemento dos mamíferos e o deseño de intervencións para reparar e/ou evitar ese dano.

Enfronte terán ao catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Valencia Vicente Bellver Capella e ao profesor de Bioxerontoloxía da Universidade de Brighton Richard Faragher . Os campos de investigación de Bellver son os dereitos humanos, a ecoloxía política, a bioética e o biodereito; non en van foi membro do Comité Director de Bioética do Consello de Europa e éo do Comité de Bioética de España. Faragher, pola súa banda, dedícase a estudar a relación entre a senescencia celular e o envellecemento do organismo. En 2005 foi o primeiro científico da historia en recibir o premio ‘Help the Aged’ pola súa defensa dos maiores e as súas investigacións no seu beneficio.

Regueifas
Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e conta con financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), pertencente ao Ministerio de Economía e Competitividade. Nas súas dúas edicións, que xuntaron máis de 1.500 asistentes, pasaron pola USC destacadas personalidades para debater sobre transxénicos, seguridade e privacidade dixital, o cambio de fuso horario para España, a relación entre a alimentación e a industria, a experimentación animal e a compatibilidade entre ciencia e fe. Entre eles e elas, Jorge Mira, JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Fernando Savater, Fernando Sánchez Dragó ou Marta Peirano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2017.