Entrevista co profesor Francisco Caamaño Isorna
"Debemos ser responsables e manter distancia social. Gañar tempo contra o Covid-19 permitirá que o sistema non faga crac"
*Entrevista de Marcos Pérez Pena publicada por praza.gal o pasado xoves 12 de marzo
Que valoración se pode facer da situación actual en Galicia? O número de casos é reducido pero aumenta cada día de forma importante. Que podemos esperar para as vindeiras semanas?
En Galicia os datos que temos ata agora dinnos que non existe transmisión comunitaria. Temos varios casos que chegaron de fóra e que algúns infectaron a outras persoas, pero non existen focos descontrolados. Isto é o que sabemos ata agora. Como evolucionará? En principio, todo nos fai pensar que isto se vai xeneralizar, aínda que é posible que en Galicia aínda tarde máis que en lugares como Madrid ou Barcelona, simplemente polo menor movemento de persoas. Pero o número de casos, tamén aquí, vai ser moi superior ao actual.
Estamos aínda en fase de contención. É posible frear a propagación da enfermidade poñendo en práctica as medidas suxeridas pola administración?
É clave que neste momento todo o mundo se conciencie e que sexamos todos moi corresponsables para manter unha certa distancia social. Hai determinados actos que todos podemos facer e que van axudar a limitar a expansión da enfermidade. Por exemplo, debemos evitar dar a man, optando por un tipo de saúdo, digamos, á xaponesa; debemos evitar tocarnos a cara; debemos lavar as mans continuamente, e facelo de forma concienciuda (hai infografías publicadas que explican como facelo correctamente); debemos evitar as aglomeracións de persoas.
Creo que é importante facer fincapé na responsabilidade individual ligada ao tempo libre. No horario laboral moitas veces podemos ter pouco control e dependemos do que decida a empresa sobre o teletraballo e demais, pero no tempo de ocio podemos facer eleccións. Procuremos saír menos, evitar os lugares públicos, estar máis en casa, se non é necesario non viaxemos... O coronavirus vai chegar, pero todo isto vai contribuír a atrasar a súa chegada.
As medidas de prevención e control adoptadas ata o momento en España e en Galicia son as axeitadas? Deberían ser máis drásticas? Deberían ter chegado antes?
Entendo que as medidas adoptadas son razoables. Non teño a menor dúbida de que as decisións están sendo adoptadas baseándose nos criterios ditados por persoas expertas, epidemiólogos ou virólogos. Por iso creo que non axuda que o resto da poboación entremos nun debate público a facer máis consideracións sobre o tema. Os matices que consideremos que poida haber debemos en todo caso trasladalos nos foros adecuados e non abrir un debate público. Non é responsable facer ruído, o responsable é comunicarlle á poboación o que sabemos e trasladarlle o que a xente pode facer para minimizar o risco e beneficiar o ben común.
Sería aconsellable o peche dos centros de ensino en Galicia?
Pode que nalgún momento se decidan pechar o centros de ensino ou non. É unha medida que tería os seus pros e os seus contras, sobre todo no caso dos colexios, porque se mandamos os nenos para casa ao final acabarán estando cos avós, e isto pode ser perigoso. Pero esta decisión tomarase en función da situación que exista nese momento, e deberemos aceptala e entender por que se fai.
Nos últimos días estase incidindo na necesidade de incidir nas medidas de control e prevención para frear no posible a chegada da enfermidade e, sobre todo, evitar que as infeccións se produzan de golpe, o que podería provocar unha saturación do sistema sanitario. Esa é a gran batalla nestes momentos?
Claro, o que pretendemos é que ese incremento de casos, esa curva, sexa o menos pronunciada posible. Todo o que sexa gañar tempo permitirá que o noso sistema sanitario non faga crac. Temos que ser conscientes de que o coronavirus vai afectar a moitísima xente, a millóns de persoas en todo o mundo. Os datos tamén nos din que finalmente a mortalidade non superará un valor que quizais non chegue ao 1%.
Polo de agora case todos os países están amosando unhas porcentaxe semellantes de mortes pola enfermidade, un 5% de ingresados en UCI e un 80% de persoas que non presentan síntomas ou que presentan síntomas moi leves. Que consecuencias ten isto?
Estes datos teñen unha dobre lectura. Por unha banda, unha moi positiva: o coronavirus é pouco mortal e só obriga á hospitalización nuns poucos casos. Pero tamén unha máis problemática: vai haber moitísimas persoas que estean transmitindo a enfermidade e que non se enteren de nada, porque nin saberán que están infectados. Isto non ocorría do SARS ou co MERS, os coronavirus previos, porque unha porcentaxe altísima presentaba síntomas evidentes.
Aínda non coñecemos exactamente o índice de letalidade porque ata agora as cifras que se manexan parten das persoas que foron tratadas, pero como digo pode haber moitas que xa padeceron o coronavirus e non foron conscientes. Polo tanto. ao final a porcentaxe de mortes será menor, un pouco por debaixo do 1% probablemente. Con todo, o 1% de varios millóns é un número importante, sobre todo en determinados colectivos, como persoas inmunodeprimidas ou persoas maiores, nas que a letalidade é moi superior.
Hai que extremar as precaucións coas persoas de maior idade?
Si, por isto debemos ser todos moi responsables. A unha persoa de 30 ou 40 anos se cadra non lle preocupa demasiado infectarse porque a enfermidade non vai ter efectos graves para ela, pero se despois chega a casa da súa avoa e a contaxia, esa muller si pode estar en risco.
O final do inverno vai axudar a frear o coronavirus?
Esta cuestión é moi importante, pero de momento non temos datos suficiente para afirmar algo con rotundidade, nun sentido ou outro. A priori, a moitas variedades deste tipo de virus non lles senta ben a radiación solar e a suba das temperaturas e estase traballando en parte con esta hipótese. Pero non sabemos exactamente que vai pasar e polo tanto non o podemos asegurar.
Nunha sociedade avanzada coma a nosa estamos afeitos a vivir cun nivel de certeza e seguridade moi elevado. Pero non sempre hai certezas e de momento só sabemos como debemos actuar esta semana e a que vén e a outra máis. Teremos que asumir que imos vivir cunha determinada incerteza durante un tempo. Hai moitos lugares do mundo nos que se ven obrigados a vivir así sempre.
Está o noso sistema sanitario preparado para enfrontar un número moi elevado de casos ao mesmo tempo, sobre todo dos máis graves, os que necesiten ingreso en UCI?
Non podo responder a iso coa autoridade que o poden facer outras persoas, non teño datos directos sobre os recursos dispoñibles. En todo caso, temos que entender que esta é unha situación excepcional e é razoable pensar que o sistema pode atopar problemas para adaptarse e que vai haber dificultades. Os sistemas non están dimensionados para a aparición dunha pandemia non prevista.
Nos últimos anos houbo recortes e seguramente eses recortes incidirán, pero debemos estar tranquilos. Somos un país rico e temos un dos dez mellores sistemas sanitarios do mundo. Haberá que cambiar recursos dun sitio a outro ou adiar certos procedementos non urxentes, pero se nós non podemos enfrontar a enfermidade, daquela ningún país do mundo poderá. Nin os Estados Unidos, que non ten sistema nacional de saúde, nin África, que ten unha situación moito peor.
Que podemos aprender de como evolucionou a enfermidade en China e Italia, que rexistraron os primeiros casos moito antes ca nós?
China é un país moi distinto ao noso, cun sistema cultural e político moi diferente. Quédanos moi lonxe e as medidas que alí se adoptan e o grao de cumprimento da poboación non son trasladables a Europa. Italia si é un país próximo. Que podemos aprender do que pasou en Italia? Pois que hai que tomar medidas, que non debemos ser dubitativos. Non teño dúbidas de que as nosas autoridades están aprendendo leccións do que sucede en Italia.