A decana de Ciencias da Comunicación reivindica dinamismo, igualdade e visión estratéxica na súa toma de posesión
“Que logremos encher este espazo de vida, dinamismo, diversidade, igualdade, multiculturalismo, grandes capacidades, visión estratéxica, complicidade nas nosas relacións académicas e profesionais, e unha sa autoestima”. Con esta declaración de intencións, tomou posesión do seu cargo, este mércores 13 de xullo, a nova decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa intervención do decano saínte, Xosé Ramón Pousa Estévez; e da secretaria xeral, Dulce García Mella, quen deu lectura ao nomeamento.
O acto desenvolveuse nun dos estudios audiovisuais da Facultade xa que, tal e como apuntou a nova decana, trátase dun “espazo emblemático” ao constituír “unha imaxe de referencia” na promoción do centro e “exemplifica a importancia experimental que teñen as nosas titulacións”, explicou en referencia aos graos en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, así como ao dobre grao; e ao mestrado en Xornalismo e Comunicación Multimedia, e ao programa de doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea. Ademais, sinalou, “aquí comecei a miña experiencia docente”.
Antonio López dixo compartir o programa de traballo da decana con eixos estratéxicos ben definidos arredor do desenvolvemento da vida universitaria nos centros, a definición de elementos de soporte á docencia, a calidade e a súa mellora, o relevo xeracional dos recursos humanos ou a actualización permanente da oferta docente. O reitor aproveitou o acto para lembrar que Ciencias da Comunicación é unha das xoias do patrimonio da USC e require intervencións necesarias que se atopan en proceso, xunto coa busca de fórmulas que permitan a actualización do equipamento tecnolóxico do centro dado o peso experimental dos estudos que acubilla.
Pola súa parte, o decano saínte agradeceu o respaldo da comunidade do cento así como do reitoría para superar as dificultades cotiás e moi especialmente, a crise sanitaria vivida nos últimos anos e que obrigou a “reinventar o modelo de ensino” tratando de mellorar todo o proceso de xestión e docente. Neste traspaso á fronte do decanato, Pousa cualificou a nova decana como unha traballadora incansable e unha persoa razoable e agarda que, neste período que agora se inicia, a Facultade siga sendo un centro de referencia.
Compromiso
A nova decana iniciou a súa intervención poñendo o foco nos trinta anos de historia do centro e no espírito de colaboración que sempre o impregnou. “Traballo en equipo, esforzo, complicidade e absoluto compromiso co proxecto común que significa esta Facultade, compartido polo profesorado, o persoal de administración e servizos e o alumnado” conforman algúns dos trazos salientados pola profesora Rodríguez, quen subliñou que Ciencias da Comunicación eríxese nun “centro de referencia competitiva no seu ámbito, con importantes lazos de cooperación en docencia e investigación a nivel estatal e internacional, e cun forte arraigo entre o tecido empresarial galego co que pretendemos renovar tamén o noso compromiso máis fondo polo ben de todos”.
Coa vontade de “seguir cumprindo, seguir sendo útiles á institución universitaria e á sociedade en xeral”, a nova decana quixo render tributo aos equipos de goberno que a precederon. Ana Isabel Rodríguez destacou que seguirá traballando para “captar a un alumnado motivado” e lograr que o centro siga adaptándose “coa maior axilidade posible aos novos perfís profesionais e retos da propia evolución social”.
A nova decana pretende, tal e como explicou no seu discurso, recuperar “o dinamismo que sempre nos caracterizou nos tempos previos á pandemia”. Este será un dos eixos sobre os que asenta a folla de ruta para os vindeiros anos, xunto coa necesidade de “avanzar na consolidación e reforzar o centro dentro da política de descentralización, para que tanto PDI como PAS sexan capaces de exercer as súas competencias coas maiores garantías”. “Precisamos ter unidades de xestión ben dotadas de recursos humanos para cumplir coas expectativas da calidade na atención ao alumnado e dos procesos internos de xestión da calidade en todas as súas titulacións. E precísanse recursos tamén para manter os grupos de investigación competitivos e de referencia, con destacados recoñecementos de calidade, como os desta facultade: o grupo Novos Medios e o Grupo de Estudos Audiovisuais”, dixo.
Procurar a calidade como a “peza nuclear” e reforzar o eido da internacionalización constitúen outros dos apartados nos que a nova decana quixo deterse. Neste senso, explicou como a Facultade de Ciencias da Comunicación logrou en 2019 a Certificación do Sistema de Garantía de Calidade (SGC) que deberá revalidarse no curso 2024-2025. Finalmente, Ana Isabel Rodríguez abordou a necesidade de modernizar as infraestruras do centro para o que solicitou a colaboración do equipo reitoral.
Equipo de goberno
Xunto a Ana Isabel Rodríguez, integran o equipo de goberno as profesoras Antía López e Alba Silva, vicedecana de Calidade e vicedecana de Estudantes, Comunidade e Comunicación, respectivamente; actuando como coordinador do Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios Españois (SICUE), o profesor Fernando Redondo. Jorge Vázquez será o secretario académico e responsable RAM do centro.
Currículo
Docente do departamento de Ciencias a Comunicación dende 2003, a profesora Ana Isabel Rodríguez Vázquez desempeñou diferentes cargos de xestión no Centro. Foi secretaria da Dirección do Departamento entre 2008 e 2020 e secretaria académica da Facultade dende o 5 de outubro de 2020. Doutora en Ciencias da Comunicación pola USC, conta cun sexenio de investigación e centra a súa traxectoria científica no tratamento informativo dos produtos comunicativos en todos os soportes (prensa, radio, TV, ou internet), nas novas rutinas produtivas e os perfís profesionais nos medios de información, así como no estudo das audiencias, a programación televisiva e a alfabetización dos públicos. Ademais, dirixiu os espazos informativos da Televisión Local de Lugo, liderou e presentou o programa Os nosos pobos en TVE-Galicia, foi coordinadora de contidos da Produtora Ophiusa, S.L. e directora xeral adxunta de Interdix Galicia, S.L., promotora do portal www.galiciadixital.com.