Ir o contido principal

Nova decana de Dereito

Ana Gude
Ana Gude. FOTO: Santi Alvite
Ana Gude toma posesión do seu cargo aberta a “un diálogo moi fluído” con persoal e estudantes
Santiago de Compostela

A profesora da área de Dereito Constitucional Ana Mª Gude Fernández tomou posesión este venres como decana da Facultade de Dereito nun acto presidido polo reitor Antonio López. Gude salientou na súa intervención a súa intención de traballar “de forma moi estreita cos Departamentos que existen no centro e cos estudantes para manter con eles un diálogo moi fluído”.

A nova decana sinalou no seu discurso que “os nosos retos máis inmediatos como Facultade encamiñaranse a dar resposta ás múltiples tarefas cotiás, á xestión consensuada dos problemas que vaian xurdindo. E, por suposto, tamén, a afrontar propostas: a oferta de novas titulacións, ou a creación dunha clínica xurídica son unha mostra delas. Espero para iso, contar coa inestimable axuda e colaboración de todos”. 
 

Antonio López e Ana Gude
O reitor felicita á nova decana tras a toma de posesión. FOTO: Santi Alvite

As infraestruturas centraron tamén unha parte do discurso da decana quen sinalou que fará “todo o posible por xerar un clima que favoreza o benestar e a saúde laboral dos que aquí traballan e estudan, mellorando as instalacións, as infraestructuras docentes e renovando o mobiliario”. Os vicedecanos Vicente Sanjurjo e Natalia Pérez Rivas, así como a secretaria Sonia Rodríguez Boente, acompañarán a Gude na dirección da Facultade. 

“Unha gran Facultade”
O reitor Antonio López, pola súa parte, trasladoulle á nova decana o seu agradecemento por dar un paso adiante xa que sen o compromiso da comunidade universitaria coa xestión non é posible a autonomía universitaria. “Estamos nunha gran Facultade”, dixo o reitor, subliñando os 370 anos de historia deste centro compostelá xunto cunha oferta docente de grande atractivo social. Neste senso, López quixo lembrar que o grao en Dereito neste curso recibiu arredor de 600 solicitudes para 170 prazas de primeiro cunha nota media de 10,6. Na súa opinión, esas cifras poñen de manifesto a capacidade de atracción deste grao tanto en Galicia como fóra. “Algo estaremos facendo ben aínda que non debemos caer na autocomplacencia”, sinalou López, quen engadiu a necesidade de seguir traballando a prol dunha mellora constante da calidade con especial atención á oferta de mestrado. 

Para o reitor, unha das preocupacións actuais deste centro, así como do conxunto da Universidade, é a “renovación imprescindible” dos cadros de persoal universitarios tanto en docencia e investigación como de administración e servizos. Así sinalou o plan plurianual que en materia de PDI prevé a aposta pola figura de axudantes doutores ou pola estabilización e promoción reducindo a precariedade. 
 

Público asistente ao acto
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite

Asemade, Antonio López agradeceu ao decano saínte o esforzo e traballo realizado a prol desta Facultade e a súa vocación de servizo público en múltiples responsabilidades tanto na administración autonómica como valedor, na propia Universidade e agora na administración local.

O decano saínte Gumersindo Guinarte estivo presente na toma de posesión e quixo deixar patente que se sinte “absolutamente honrado da súa etapa como decano, cargo desempeñado con ilusión”, facendo referencia tamén ao apoio constante de todo o persoal e comunidade do centro neses catro anos. Asemade, Guinarte agradeceu a interlocución e compromiso dos sucesivos equipos reitorais.

Currículo
Con anterioridade a esta nova responsabilidade, a profesora Gude xa ocupara diversas tarefas de xestión como vicedecana de Organización Académica, así como secretaria e directora do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado, en etapas sucesivas. Ana Mª Gude imparte docencia das materias ‘Dereito constitucional. Órganos do estado democrático’ e ‘Dereitos constitucionais e liberdades públicas’. No ámbito da investigación forma parte do grupo de Dereito e cidadanía e as súa liña de traballo neste eido céntrase no Dereito parlamentario e nos dereitos fundamentais. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.01.2020.