Ir o contido principal

O decano da Facultade de Ciencias márcase como retos a consolidación de titulacións e as melloras técnicas e de espazos

O reitor, Juan Casares, e o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos
O reitor, Juan Casares, e o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos
O profesor José Manuel Martínez Ageitos tomou posesión este mércores 23 do seu cargo

A consolidación de titulacións, a posta en funcionamento do novo edificio de laboratorios e a reforma de espazos para adaptalos ao Espazo Europeo de Educación Superior son os tres grandes retos que debe afrontar a Facultade de Ciencias os vindeiro catro anos, segundo expuxo este mércores 23 o profesor José Manuel Martínez Ageitos durante a súa toma de posesión como decano. O acto protocolario estivo presidido polo reitor da USC, Juan Casares, e contou coa presenza do equipo que acompañará a Martínez Ageitos ao fronte da facultade, integrado por Olga Díaz Rubio como videcana e Antonio Rumbo Pérez como secretario. Así mesmo, asistiron tamén varios directores e decanos de centros do campus de Lugo, a adxunta ao reitor para Coordinación Interna, Mercedes Pintos; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández; o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Durán, vicerreitora Adxunta para estudos de Grao e Posgrao, María Isabel González Rey, e a secretaria xeral, Lourdes Noya. O profesor José Manuel Martínez Ageitos, que sucede no cargo Francisco Fraga, fixo un repaso breve pola historia da Facultade de Ciencias, creada en outubro de 1991 como consecuencia da transformación do antigo Colexio Universitario de Lugo, e a súa situación actual. Así mesmo, o decano expuxo as necesidades do centro para os vindeiros catro anos no eidos académico-docente, de servizos e de infraestruturas. Concretamente, Martínez Ageitos falou sobre o traslado do equipamento de investigación e docencia ao novo edificio de laboratorios da Facultade de Ciencias para a posta en funcionamento antes do vindeiro curso. Así mesmo, propuxo no seu discurso a reforma da aula desocupada do centro en espazos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior e a comunicación mediante pasarela entre os dous edificios da facultade. O decano resaltou tamén a capacidade investigadora do centro, “o camiño andado nos últimos anos nesta facultade ponse de manifesto no desenvolvemento de proxectos de investigación relativos a produtos agroalimentarios, tratamento de residuos, impactos medioambientais e de análise sensorial e toxicoloxía, entre outros”. “Confiamos tamén na aposta pola máster Enxeñaría Industrial e estimamos que merece a consideración de titulación estratéxica”, engadiu Martínez Ageitos. O reitor agradeceu ao decano, así coma ao anterior equipo decanal, que asuma as responsabilidades de goberno da facultade en tempos economicamente difíciles, mostra “de que as persoas constitúen o pilar máis importante desta facultade, que foi quen de consolidar liñas de traballo en investigación moi notables con grupos competitivos en todos os ámbitos que lles son propios”. Así mesmo, Juan Casares díxolle ao novo decano que, “dentro das restricións que temos, vai a ter a miña complicidade para sacarlle o máximo proveito ao investimento feito neste centro e para que a USC sega sendo un referente en España e en Europa”. Currículo José Manuel Martínez Ageitos, nado en Ribeira (A Coruña), imparte docencia na titulación de Enxeñaría Técnica Industrial e no máster de Enxeñaría Industrial. A súa investigación céntrase na actualidade no estudo, caracterización e desenvolvemento de novos materiais. Así mesmo, é coordinador do grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e do máster de Enxeñaría Industrial. O reitor con membros do equipo de goberno e decanal de Ciencias

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2011.