Ir o contido principal

Decanos e directores de centros debateron sobre o borrador coas liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e posgrao

Os decanos e directores de centros da Universidade de Santiago reuníronse este mércores en San Xerome co vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, para discutir o borrador do Ministerio coas liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e posgrao. Á xuntanza asistiu tamén o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández.
O Ministerio de Educación e Ciencia fixo públicos, o 26 de setembro e 21 de decembro de 2006 e o 15 de febreiro de 2007, tres documentos de traballo coas directrices xerais para a elaboración de títulos universitarios de grado e máster de acordo coas liñas xerais emanadas do Espazo Europeo de Educación Superior. Xa o 26 de xuño pasado deuse a coñecer o borrador de Real Decreto que ten por obxecto establecer a estrutura das ensinanzas universitarias oficiais españolas. Este borrador, con pequenos axustes, foi remitido ao Consello de Estado.
O decreto regula os aspectos básicos da ordenación das titulacións universitarias e o procedemento de verificación e acreditación que deben superar os planos de estudo. Pretende así marcar as pautas para o tránsito da situación actual ao novo escenario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2007.