A décima edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC rexistrou en 2009 o maior número de propostas presentadas
A terapia do canguro, Aplicacións dos Sistemas de Información Xeográfica ao estudo e análise da produción artística e literaria, Reciclaxe de Cabelo Humano, Baby Hertz e Termotaper, son as denominacións das cinco ideas que acadaron os premios do X Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC.
Os seus autores recibiron os galardóns acreditativos nun acto celebrado en San Xerome e presido polo reitor Senén Barro. Xunto a el tamén estiveron presentes o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy; o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán; e o xerente de Uninova, Gustavo Marcos.
Nesta edición de 2009, o concurso rexistrou a cifra máis elevada de ideas recibidas a concurso, 334, fronte ás de convocatorias anteriores cando se contabilizaran 234 ideas (edición de 2008), 260 (2007), 260 (2006) ou 110 (2005).
A terapia do canguroA idea de Vanesa Saez Iglesias, da Facultade de Ciencias da Comunicación, consiste na elaboración dunha páxina web bilingüe dirixida a doentes de cancro, leucemia ou linfoma. A súa finalidade sería ofrecer servizos integrais en liña a estes enfermos tratando de ser un vínculo de conexión para os investigadores das universidades galegas especializados neste ámbito, psicólogos, psiquiatras, traballadores sociais, educadores, hematólogos ou oncólogos.
Esta proposta pretende ofrecer unha descrición das distintas fases da doenza, ofrecendo información detallada e contrastada sobre cada unha delas, as distintas patoloxías, tipos de tratamento, porcentaxe de éxito na curación, consellos dietas ou restricións. Tamén disporía dunha sección de axuda psicolóxica tanto para a persoa afectada como para os seus familiares, de ferramentas que fomenten o lecer ou o mantemento das relacións sociais e familiares ou dun videoblog con consellos de imaxe persoal.
APC-SIXAplicacións dos Sistemas de Información Xeográfica ao estudo e análise da produción artística e literaria é a idea presentada por Arturo Casas Vales, da Facultade de Filoloxía. Propón esta iniciativa a constitución dunha plataforma empresarial para comercializar aplicacións derivadas da tecnoloxía dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) ao estudo de producións artísticas e literarias en marcos culturais específicos con especial atención á ficción.
As aplicacións estarían orientadas a unha explotación fundamental en tres esferas do mercado, como son o institucional, o turístico e o educativo. A modo de exemplo, esta idea permitiría visualizar o espazo narrativo dun relato determinado (ficcional ou documental) cos SIX e servirse desta tecnoloxía para unha análise da distribución da acción ou itinerarios das personaxes, entre outros.
Cabelo humanoSelene Hayde Mora Peña, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais propón ofrecer un servizo integral de recolección de cabelo humano procedente dos salóns de beleza e perruquería. Esta materia prima procesarase posteriormente para a elaboración de composta para plantas ornamentais e cultivos. Ademais, a idea contempla no futuro elaborar fibras absorbentes de aceite para uso doméstico.
Trátase dunha idea sen competencia, xa que segundo a súa promotora unicamente existe unha empresa norteamericana de similares características dedicada á compra de cabelo humano en China.
Baby HertzEsta idea propón o deseño dun mecanismo que axude ás nais con discapacidade auditiva a poder atender ao neno polas noites. Segundo a súa promotora, Ana Parada Gañete, de Ciencias da Educación, o obxectivo é avisar ás nais e espertalas cando o neno chore ou se esperte demandando a súa atención. Para elo a promotora desta idea propón un mecanismo que faga que as luces da habitación se acendan de xeito intermitente e forte para que nai esperte.
TermotaperA comercialización dun envase que se quente sen a necesidade de introducilo no microondas ou no forno é o obxectivo de 1, 2, 3 e listo, de Natividad Almeira Gómez, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. A idea basearíase no proceso utilizado para quentar vasos de café premendo unicamente un botón. É un mecanismo relacionado a unha reacción química exotérmica que se produce no fondo do vaso.
Fronte a mecanismos semellantes xa en uso, o dispositivo proposto permitiría a reutilización do envase, podendo utilizar este mecanismo de quentamento tantas veces como se desexara.
Convocatoria 2009‘Espreme a túa idea... pode ter premio’ foi o lema elixido para este nova convocatoria dirixida a todos os membros da comunidade universitaria galega de calquera das áreas de coñecemento. No acto celebrado este martes entregáronse cinco premios de 600 euros, cuxa selección se realizou tras valorar a viabilidade empresarial, o carácter innovador, o grao de madurez, o mercado e a posible aplicación das políticas de igualdade das ideas propostas.
A maior parte das ideas están promovidas por mulleres, o 62 por cento, fundamental do Campus de Santiago (oito de cada dez propostas). Ademais, algo máis do cincuenta por cento das propostas procederon da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, seguida de Ciencias da Educación (16%) e Farmacia (10%).