Ir o contido principal

‘Defensoras’ lembra en Humanidades o cometido de 11 mulleres destacadas a prol da loita polos dereitos humanos

Fernández Herrero, segunda pola dereita, con autores da mostra 'Defensoras', na Facultade de Humanidades
Fernández Herrero, segunda pola dereita, con autores da mostra 'Defensoras', na Facultade de Humanidades
A mostra, coordinada pola profesora Beatriz Fernández Herrero e que inclúe traballos elaborados por alumnado de cuarto curso do grao en Ciencias da Cultura, permanecerá aberta no centro universitario lugués ata finais de febreiro
Lugo

A mostra ‘Defensoras’ lembra ata finais de febreiro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo o cometido desenvolvido ao longo da historia por once mulleres que destacaron pola súa loita a prol da defensa dos dereitos humanos.

A exposición, coordinada pola profesora Beatriz Fernández Herrero e elaborada por alumnado de último curso do grao en Ciencias da Cultura, está estruturada en paneis informativos que achegan unha semblanza de once mulleres que, en distintos ámbitos, constitúen verdadeiras referentes na loita polos dereitos humanos.

A selección de ‘Defensoras’ abrangue un amplo período de tempo e diferentes áreas xeográficas e culturais. Daquela, nesta escolma figuran mulleres como Eleanor Roosevelt, principal promotora da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ata outras máis actuais como a  paquistaní Malala Yousafzai, defensora do dereito á educación, Theresa Kachindamoto, que traballa por abolir o matrimonio infantil en Malawi; a xaponesa Yosano Akiko e a súa loita por acadar a independencia das mulleres, a brasileira Marielle Franco e o seu incansable traballo en favor dos colectivos LGTBI, a defensa dos dereitos indíxenas e medioambientais da guatemalteca Lolita Chávez ou a reivindicación do dereito á auga levada a cabo pola india Amla Ruia.

Esta actividade formativa e de sensibilización que desenvolve o alumnado do grao en Ciencias da Cultura por terceira vez, ten como obxectivo dar a coñecer a tarefa de mulleres que traballan por facer realidade a universalización dos dereitos humanos. As persoas interesadas poden visitar a mostra ata o 28 de febreiro no vestíbulo de entrada á cafetería da Facultade de Humanidades de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2022.