A delegación de ABC en Galicia conmemora os seus 20 anos de existencia cunha mostra en Fonseca
Baixo o título ‘ABC, 20 anos en Galicia; Galicia, 112 anos en ABC’, este xoves 16 inaugúrase unha exposición no Colexio de Fonseca coa que a delegación do diario en Galicia quere conmemorar as súas dúas décadas de vida. Á inauguración, ás 20.00 horas, asisten o reitor da USC, Juan Viaño; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o delegado de ABC Galicia, José Luis Jiménez; e o alcalde de Santiago, Agustín Hernández. Son cen paneis que recuperan imaxes, portadas e páxinas que ilustran a Galicia retratada por ABC nos seus 112 anos de historia. Especial relevancia ten a sección ‘Galegos ilustres’, que recolle o paso polas páxinas de ABC de figuras como Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Sofía Casanova, Camilo José Cela ou Gonzalo Torrente Ballester.