Unha delegación da República Checa visita as instalacións da incubadora de empresas da USC, Uninova, para tomar como referencia o seu modelo de funcionamento
A incubadora de empresas da USC, Uninova, recibiu a visita dunha delegación da República Checa composta por varios representantes da Autoridade Rexional de Vysocina, da Cámara de Comercio de Jihlava, da European Projects & Management Agency de Praga e de Euronest SRO.
Esta é a segunda ocasión na que unha delegación da República Checa se achega ás instalacións de Uninova, xa que en febreiro de 2006 un grupo de representantes do goberno rexional de Vysocina xa visitaran a incubadora de empresas do Programa Uniemprende co gallo de tomala como modelo para poder pór en marcha unha similar na súa rexión.
Agora, logo da posta en funcionamento dunha incubadora de similares características na rexión de Vysocina, esta nova visita estivo integrada por unha delegación máis numerosa que pretendía unha vez máis tomar a Uninova como modelo para seguir implementando o proceso iniciado recentemente e aproveitar o intercambio de experiencias entre organismos con intereses similares.