Unha delegación de universidades de Azerbaijan, Kyrgyzstan, Tajikistan e Ucraína visita a USC, como exemplo na xestión das relacións internacionais
Representantes de universidades de Azerbaijan, Kyrgyzstan, Tajikistan e Ucraína visitan a USC no marco do programa TEMPUS UNIVIA PROJECT WORKSHOP para desenvolver e mellorar a xestión das relacións internacionais destas universidades mediante o exemplo das estratexias de universidades europeas, entre as que se atopa a Universidade de Santiago. A delegación permanecerá toda a semana en Santiago para coñecer en profundidade o funcionamento da USC en materia de relacións internacionais, tempo durante o que participarán en diferentes presentacións e visitas aos campus de Lugo e Santiago. O programa de visita comezou coa recepción do reitor, Juan Casares antes de asistir ás presentacións do director do Servizo de Relacións Exteriores, Enrique Veloso, sobre o funcionamento e planificación deste servizo na USC, e dos responsables da oficina internacional, Anne Forryan e Pablo Nieto que lles explicou os programas internacionais de mobilidade e intercambio. Pola tarde coñecerán o patrimonio histórico e cultural da USC. No programa de actividades inclúense visitas aos dous campus para coñecer tanto o patrimonio cultural, como os recursos científicos da USC. Así, o xoves 22 desprazaranse ata Lugo e coñecerán o edificio Intercentros, a Facultade de Veterinaria e a Escola Politécnica Superior. Tamén haberá tempo para coñecer a muralla e outros restos romanos da cidade. Xa o venres 23 coñecerán, da man dos responsables dos departamentos, os procedementos e financiamento dos programas de intercambio entre universidades de todo o mundo e a USC. Visitarán tamén este día o campus Vida e os institutos de investigación deste espazo. Na visita á USC participan os representantes da State Economic University e da Ganja State University en Azerbaijan, da Poltava University of Economics and Trade de Ucraína, da International University de Kyrgyzstan, do Institute of Entrepeneurship and Service de Tajikistan, así como os enviados para esta cuestión do Ministerio de Educación e Ciencia de Kyrgyzstan e do Ministerio de Educación de Tajikistan. No programa TEMPUS UNIVIA PROJECT WORKSHOP, ademais da Universidade de Santiago, participan a University of Warwick de Reino Unido, a Universidade de málagam e a Alma Mater Studiorum Universitá de Bologna en Italia.