Ir o contido principal

Demandan que os estudos de xenética teñan en conta a dimensión sociopolítica para combater o racismo

Fonte: Science
Fonte: Science
O artigo, que pon o énfase no concepto de ‘raza’, publicouse en Science coa profesora da USC Marilar Aleixandre como co autora

Docentes e persoal investigador de universidades de Estados Unidos, Alemaña, Israel, Suíza, Suecia ou Reino Unido asinan na revista Science o artigo ‘O sociopolítico no ensino da xenética humana’  no que reclaman que a ciencia inclúa abertamente os factores sociopolíticos nas actividades de educación xenética. Entre as once persoas autoras do traballo figura a profesora do Departamento de Didáctica Aplicada da USC Marilar Aleixandre.

As persoas expertas denuncian que os métodos de investigación xenética e os seus resultados están impregnados e influídos “pola dinámica de poder e privilexio da sociedade en xeral de xeito que contribúen á dinámica sociopolítica existente de apoiar as afirmacións sobre supostas diferenzas entre grupos e a prevalencia de rasgos concretos en determinados grupos”.

“A realidade é que parte da xenética humana moderna continúa baseándose na mesma lóxica racista”, afirman, ao tempo que lembran que as ciencias sociais estableceron que a raza é unha categorización social e politicamente construída que sustenta o racismo, o que ten “consecuencias devastadoras” para os grupos racialmente oprimidos. “Por iso é preocupante o uso continuado da raza como indicador para describir a variación xenética humana”, aseguran.

Para as asinantes do artigo, é imperativo que os educadores e as educadoras en xenética se comprometan co "sociopolítico", entendido como as diferenzas de poder históricas e actuais entre individuos e grupos que dan lugar á distribución desigual de recursos e privilexios. Neste senso, fanse eco do recente informe das Academias Estatais de Ciencias, Enxeñaría e Medicina (NASEM) que insta o persoal científico a analizar e xustificar o uso de "raza, etnia e ascendencia xenética" como descritores poboacionais na investigación xenética e xenómica á vez que reclama un cambio na práctica científica que teña en conta a natureza sociopolítica da investigación xenética no que respecta a descrición das poboacións e a medición das contornas.

“Cando se ignora a realidade de que a ciencia está enredada e é inseparable do contexto sociopolítico no que se realiza, acábase tendo unha visión inxenua e problemática da ciencia que pode levar a terxiversala como non crible”, advirten.

No artigo defenden que unha educación xenética exitosa "ten que ser antirracista, non pode ser neutral con respecto á raza”. Polo tanto, un dos principais obxectivos de aprendizaxe do ensino da xenética humana debería ser “a comprensión de que nin o entorno nin as definicións científicas das poboacións xenéticas son neutrais, senón que están determinados polos contextos históricos, sociais e políticos nos que existen”.

Para ilustrar as súas tese, poñen o exemplo das persoas negras que viven en EEUU, que mostran unha maior carga alostática (carga acumulada de estrés crónico) en comparación coas persoas brancas, mesmo cando se axustan por idade e taxas de pobreza; unhas diferenzas que equivalen a envellecer case unha década máis rápido debido á discriminación e á opresión continua. Así pois, conclúen, o racismo sistémico intervén na configuración tanto do entorno como das respostas fisiolóxicas e a través de xeracións, que logo influirán na xenética.

Como conclusión, os autores e autoras do artigo ofrecen dúas suxestións prácticas que o profesorado de ciencias pode adoptar. A primeira é introducir o contexto histórico dos descubrimentos clave en xenética de maneira que se poña de releve como o entorno sociopolítico da época permitiu e limitou as teorías e métodos utilizados e as súas consecuencias sociais. E a segunda, facer reflexionar ao estudantado sobre os obxectivos da investigación habitual en xenética, cuestionando quen decide como definir as poboacións, que poboacións se inclúen ou exclúen nos estudos, quen se beneficia dos coñecementos xerados por estes enfoques e quen podería verse prexudicado por eles.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2024.