Ir o contido principal

Denuncian que as entidades de xestión colectiva de dereitos de autor vulneran as normas comunitarias de competencia

Existe un comportamento anticompetitivo por parte das entidades de xestión colectiva de dereitos de autor na Unión Europea que se reflicte y afecta ao mercado comunitario. Paula Paradela Areán fai esta denuncia na súa tese de doutoramento defendida recentemente na Facultade de Dereito baixo a dirección do catedrático de Dereito Internacional Privado Santiago Álvarez González. Na actualidade só existe unha entidade de xestión colectiva por territorio nacional ou ben unha por territorio e actividade. En España hai varias, pero non compiten porque unhas se dedican a xestionar as obras no ámbito musical, outras no plano artístico.... Quere dicir isto que se atopan en situación de monopolio nos Estados nos que están establecidas e, denuncia a experta, “ademais teñen acordos restritivos e levan a cabo condutas abusivas”. A autora sinala varios exemplos desa vulneración da competencia. Unha sería que as entidades limiten a actividade ao seu Estado, de forma que se elimina a competencia entre territorios, algo que se agrava aínda máis con cláusulas como as que aparecen nos contratos de representación recíproca –os celebrados con entidades estranxeiras para administrar os seus repertorios–, que establecen que para a afiliación dun novo autor é preciso que estea de acordo a entidade da que era membro (se pertencía a algunha) ou a que opere no seu país de orixe. Paula Paradela denuncia tamén que son esas entidades as que fixan unilateralmente as condicións de concesión das licencias aos usuarios que requiren a utilización das obras. “Estas licencias son globais, pola totalidade do repertorio que administran –explica–, de forma que o usuario deberá pagar por todo o repertorio con independencia de que só precise unha parte”. Maior intervencionismo Esta vulneración das normas de competencia, “unha problemática ata agora non resolta polas institucións comunitarias”, fai necesario “crear un marco normativo adecuado no que esas entidades poidan competir”, asegura Paula Paradela, que reclama un maior intervencionismo por parte dos órganos da UE “porque con simples declaracións de intencións non se soluciona o problema”. Ata o momento tratouse de regular a situación a través de recomendacións por mecanismos no adecuados, “pero agora trabállase nunha Directiva que fará que as lexislacións dos distintos Estados membros no sexan distintas”, agarda a autora.

O tribunal que avaliou o traballo estivo presidido polo catedrático da USC Manuel Botana Agra e composto ademais polo catedrático de Dereito Internacional Privado da Complutense, Pedro de Miguel Asensio; Marta Requejo Isidro e Crístian Oró, ambos os dous Senior Research Fellow no Max Planck Institute Luxembourg for International, European and Regulatory Procedural Law; e o profesor da USC Javier Maseda Rodríguez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2013.