O Departamento de Electrónica e Computación celebra o 25 Aniversario da implantación destes estudos na USC
O Departamento de Electrónica e Computación da USC celebra durante os vindeiros días 31 de maio e 1 de xuño unha serie de actos conmemorativos do 25 aniversario da implantación dos estudos desta disciplina na Universidade de Santiago.
O desenvolvemento desta disciplina de estudo na institución docente compostelá coincide coa chegada do profesor José Mira Mira á USC procedente da Universidade de Granada, para ocupar a primeira Cátedra de Electrónica. A súa chegada supuxo o comezo da impartición de materias de Electrónica e Computación nesta universidade o que tamén deu lugar á Especialidade de Electrónica, que comezou no curso 1982/83, e posteriormente á creación do Departamento de Electrónica e Computación (DEC) no curso 1991/92.
Na actualidade, o Departamento está integrado por un equipo humano de 49 profesores e 16 bolseiros e contratados de investigación, que conforman un conxunto de grupos de investigación que realizan as súa actividade académica nas áreas de coñecemento de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Electrónica e Linguaxes e Sistemas Informáticos.
Ao longo deste anos o DEC ten experimentado un salientable crecemento, tanto en produción científica con 148 publicacións en revistas internacionais, 20 capítulos de libros, edición dun libro e vinte teses de doutoramento nos últimos cinco anos, como na organización de eventos de carácter científico (catro congresos internacionais e tres congresos nacionais nos últimos cinco anos). De xeito semellante, é destacable a capacidade do Departamento en captación de recursos de I+D+i, capítulo que ascende a 6.074.168 € nos últimos cinco anos, incluíndo proxectos xa concedidos no presente ano 2007. A transferencia de tecnoloxía resultado da investigación realizada ten permitido unha colaboración frutífera con empresas do eido nacional e galego.
Programa de actosNas dúas xornadas previstas, están convidados todos os profesores e investigadores así como o persoal de administración e servizos que participaron dende a súa creación na vida académica deste Departamento.
O primeiro dos actos previstos será o xoves 31 coa conferencia que pronunciará o profesor José Mira Mira na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago a partir das 17:00 horas. A conferencia leva por título “25 anos de Electrónica e Computación arredor da USC: unha visión persoal”. Deseguido, o reitor da USC, Senén Barro, recibirá aos participantes na xornada.
Ao día seguinte, o venres 1 de xuño ás 11:00 horas na mesma Escola Técnica Superior de Enxeñaría celebrarase unha mesa redonda co título ‘¿Cara onde camiña a informática?’.