O Departamento de Electrónica e Computación celebrou o 25 aniversario da implantación destes estudos na USC
O Departamento de Electrónica e Computación da USC celebrou estes días unha serie de actos conmemorativos do 25 aniversario da implantación dos estudos desta disciplina na Universidade de Santiago. A estas dúas xornadas asistiron profesores e investigadores así como o persoal de administración e servizos que participaron dende a súa creación na vida académica deste Departamento.
A programación de actos incluía a conferencia ‘25 anos de Electrónica e Computación arredor da USC: unha visión persoal’ que pronunciou o profesor José Mira Mira, introdutor da materia na Universidade compostelá. Ademais, celebrouse unha mesa redonda co título ‘¿Cara onde camiña a informática?’.
Un cuarto de séculoO desenvolvemento desta disciplina na institución docente compostelá coincide coa chegada do profesor José Mira Mira á USC, procedente da Universidade de Granada, para ocupar a primeira Cátedra de Electrónica. Isto supuxo o comezo da impartición de materias de Electrónica e Computación na Universidade compostelá, o que tamén deu lugar á Especialidade de Electrónica que comezou no curso 1982/83 e posteriormente á creación do Departamento de Electrónica e Computación (DEC) no curso 1991/92.
Na actualidade, o Departamento está integrado por un equipo de 49 profesores e 16 bolseiros e contratados de investigación, que conforman un conxunto de grupos científicos que realizan a súa actividade académica nas áreas de coñecemento de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Electrónica e Linguaxes e Sistemas Informáticos.
Ao longo deste anos o DEC ten experimentado un salientable crecemento, tanto en produción científica con 148 publicacións en revistas internacionais, 20 capítulos de libros, edición dun libro e vinte teses de doutoramento nos últimos cinco anos, como na organización de eventos de carácter científico (catro congresos internacionais e tres congresos nacionais nos últimos cinco anos). De xeito semellante, é destacable a súa capacidade en captación de recursos de I+D+i, capítulo que ascende a 6.074.168 € nos últimos cinco anos, incluíndo proxectos xa concedidos no presente ano. A transferencia de tecnoloxía resultado da investigación realizada ten permitido unha colaboración frutífera con empresas do eido nacional e galego.