O Departamento de Estomatoloxía da USC, un referente internacional
O Departamento de Estomatoloxía da USC incrementa día a día o seu peso e prestixio no contexto dos estudos de Odontoloxía, tanto en España como no conxunto de Europa. E non é para menos. Do medio cento de profesionais que traballan neste departamento, sete dirixen a día de hoxe seis sociedades científicas de ámbito estatal e dúas de carácter internacional.
Os nomeamentos máis recentes foron os de José María Suárez Quintanilla e José Manuel Gándara, que dirixen as dúas sociedades estatais que promoven o estudo e o desenvolvemento da patoloxía médico-cirúrxica no ámbito da odontoloxía. Suárez Quintanilla foi elixido presidente da Sociedade Española de Cirurxía Bucal (SECIB) en setembro deste ano, e Gándara preside a Sociedade Española de Medicina Oral (SEMO) dende outubro deste mesmo ano.
O recoñecemento destes profesionais do Departamento de Estomatoloxía vén sumarse ao doutros catro que dirixen tamén destacadas sociedades que promoven o desenvolvemento, o estudo e a investigación da odontoloxía conservadora nos seus diferentes aspectos. É o caso de Andrés Blanco Carrión, presidente da Sociedade Española de Xerodontoloxía dende xuño de 2006; Juan Blanco Carrión, presidente da Sociedade Española de Periodoncia e Osteointegración (SEPA) dende maio de 2007; Juan Carlos Pérez Varela, presidente da Asociación Española de Especialistas en Ortodoncia (AESOR) dende novembro de 2007; e Benjamín Martín Briedma, presidente da Sociedade Española de Odontoloxía Conservadora (SEOC) dende marzo de 2009.
Pero o traballo e a valía dos profesionais do Departamento de Estomatoloxía da USC traspasa fronteiras e non só é recoñecida no eido estatal. Pola súa repercusión internacional, teñen especial relevancia os nomeamentos de José Manuel Gándara á fronte da Sociedade Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal, e o de David Suárez Quintanilla como presidente electo da Sociedade Europea de Ortodoncia.
A presidencia destas oito sociedades científicas -seis de carácter estatal e dúas internacionais-, está a incrementar o prestixio, o recoñecemento científico e a visibilidade do Departamento de Estomatoloxía, da Licenciatura en Odontoloxía que se imparte dende hai 26 anos en Santiago, e do conxunto da USC en todo o mundo, que se completa aínda cos traballos que desenvolven os grupos de investigación da nosa universidade e que abordan aspectos tan destacados como a determinación de anticorpos anti-VIH na saliva, a elaboración dun modelo experimental de citoloxía da mucosa oral para a prevención do cancro de boca, os tratamentos odontolóxicos en doentes especiais ou a análise dos materiais que se usan nas próteses e a súa interacción cos tecidos bucais.