O Departamento de Historia da USC denuncia a supresión da materia ‘Xeografía e Historia de Galicia’ en 2º de BAC
O Departamento de Historia da USC acaba de facer pública unha declaración na que comparte o seu malestar e preocupación ante os novos currículos de ESO e Bacharelato para Galicia. En concreto, o documento fai referencia a como en 2º de Bacharelato, dentro da modalidade de ‘Humanidades e Ciencias Sociais’, foi suprimida a materia optativa de libre configuración autonómica ‘Xeografía e Historia de Galicia’ que contaba con dúas horas semanais e que xa fora recortada coa aplicación da LOMCE de 4 a 2 horas en 2015. Dende o Consello de Departamento consideran a desaparición desta materia e a súa integración noutra de recente nacemento —‘Patrimonio e sociedade de Galicia’— como “un feito de enorme gravidade”.
Esta decisión “menospreza o ensino e o coñecemento da nosa Historia en lugar de valorala e facela chegar aos seus destinatarios naturais, as galegas e os galegos”, sinala a declaración difundida este venres. A medida “ignora e fai de menos o traballo dos investigadores/as que dende as universidades e os institutos do país veñen traballando dende hai anos a prol da reconstrución e difusión das chaves do noso pasado colectivo”, engade o documento.
“A desaparición de ‘Xeografía e Historia de Galicia’ pon en risco, ademais, a aprendizaxe da identidade histórica e territorial de Galicia por parte dos estudantes de ensino secundario, limitando así a súa capacidade de reflexión crítica acerca da realidade e do entorno no que acotío se desenvolven”, explican dende o Departamento de Historia da USC.
Por todo isto, este Departamento da Universidade de Santiago de Compostela, “esixe á Xunta de Galicia unha rectificación urxente da decisión de suprimir esa materia optativa de libre configuración autonómica, e ínstalle a que sexa transformada nunha materia de 4 horas semanais denominada ‘Xeografía, Historia e Arte de Galicia’, o que, sen dúbida, facilitará o acceso das galegas e galegos ao coñecemento das chaves do seu pasado e, xa que logo, á comprensión do noso presente”, conclúen.