O Departamento de Xeografía da USC e o Colexio de Xeógrafos organizan a primeira Olimpíada da Xeografía en Galicia
Por primeira vez en Galicia, este venres 6 terá lugar a Olimpíada de Xeografía organizada conxuntamente polo Departamento de Xeografía da USC e a Delegación Galega do Colexio de Xeógrafos de cara a promover o interese, o coñecemento e o achegamento aos estudos de Xeografía entre os futuros universitarios e universitarias. A cita é a partir das 10:00 horas na Facultade de Xeografía e Historia. Logo do exame dunha hora e media, o alumnado que concursa visitará as instalacións da facultade e asistirá a unha presentación sobre o grao de Xeografía. Ao final da mañá coñecerase o resultado e entregaranse os premios. A Olimpíada diríxese ao alumnado matriculado en segundo curso de bacharelato que curse a materia de Xeografía en calquera centro público, concertado ou privado de Galicia, cun máximo de cinco por centro. Neste primeiro certame participarán 8 centros e 35 estudantes, dos que os tres primeiros poderán ir á fase estatal da VI Olimpíada de Xeografía de España que terá lugar en Valencia os días 17, 18 e 19 de abril de 2015.