Ir o contido principal

Os deportistas olímpicos Antón Paz e Santi Pérez interveñen este venres na inauguración da sexta edición do Máster en Medicina Natural

A sexta edición do Máster en Medicina Natural comezará este venres 24 ás 17:00 horas no transcurso dun acto inaugural que se vai celebrar no Salón de Graos da Facultade de Medicina da USC.
Nesta primeira sesión deste posgrao propio, dirixido a licenciados en diplomados en titulacións de Ciencias da Saúde, intervirán o regatista Antón Paz, medalla de ouro de vela nas pasadas Olimpíadas, e Santi Pérez, corredor de 50 Km marcha e diploma nas Olimpíadas de Atenas.
No programa académico desta edición, os asistentes recibirán formación en materia de medicina naturista, fitoterapia, homeopatía, medicina natural chinesa, dietética, hidroterapia e terapias naturais. O máster inclúe ademais un programa práctico no que os alumnos realizarán estancias en balnearios (módulo de hidroloxía) e unha visita de fin de semana a plantacións e laboratorios fitoterápicos. Ademais, como prácticas de laboratorio, realizaranse talleres de acupuntura, de fitoterapia (preparacións de pomadas, tinturas ou cremas) e de técnicas naturistas (roda de alimentos ou preparación de cataplasmas).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2008.