Ir o contido principal

A Deputación achega 640.800 euros para a construción da granxa experimental do Campus Terra

Javier Bueno, á esquerda, con Darío Campos e Lino Rodríguez, na Granxa Gayoso Castro
Javier Bueno, á esquerda, con Darío Campos e Lino Rodríguez, na Granxa Gayoso Castro
O centro, no que se desenvolverán actividades docentes e de I+D, entrará en funcionamento en 2018 e estará emprazado nos terreos da Granxa Gayoso Castro

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, acompañados polo deputado provincial de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez, mantiveron un encontro na Granxa Gayoso Castro para avanzar na posta en marcha do proxecto de construción da futura granxa experimental do Campus Terra da USC, unha nova dotación que Campos Conde se comprometeu a desenvolver nestas instalacións provinciais.

A construción dunha granxa experimental responde a unha iniciativa totalmente pioneira na provincia de Lugo e que implica a dotación dunhas instalacións públicas ao servizo do Campus Terra, especialmente da Escola Politécnica Superior e da Facultade de Veterinaria, para o desenvolvemento de actividades docentes e proxectos de investigación no sistema de produción leiteira, que revertan na mellora da competitividade das explotacións lácteas. A Granxa Experimental do Campus Terra, tal e como se chamará este novo centro, terá como obxectivo avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso. Os resultados e os avances acadados logo da actividade desenvolvida neste centro experimental contribuirán a combater algúns dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite, a falta de man de obra e a calidade de vida dos seus profesionais. A USC prevé situar nestas instalacións un robot de muxido cuxo funcionamento se podería combinar, entre outras posibilidades, con técnicas de pastoreo nos propios terreos da Granxa Gayoso Castro, integrando, deste xeito, novas tendencias na produción leiteira que se aplican noutros países europeos e minimizando os custos de produción. Localización Campos Conde e Bueno Lema acordaron situar esta nova infraestrutura nunha finca de 15.500 metros cadrados da Granxa Gayoso Castro (concello e Castro de Rei), que actualmente está sen uso e a carón de máis terreos para as cabezas de gando. O presidente da Deputación de Lugo e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo decidiron facer unha nova instalación tras os informes técnicos, nos que se sinala que o aproveitamento das dependencias e equipamento da actual unidade de leite (que era a primeira posibilidade que se estudou) suporía un maior investimento. Características O prego de prescrición técnicas da futura granxa experimental do Campus Terra da USC elaborado pola USC detalla algunhas das características desta nova instalación pública, que, entre outras prestacións e servizos, terá capacidade para 70 vacas produtoras de vacún de leite, contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación, así como un laboratorio para actividades investigadoras. O documento inclúe asemade a construción dunha nave para acubillar a alimentación do gando, contemplado a posibilidade de instalar un sistema automático de alimentación. Nunha segunda fase, levarase a cabo a construción tanto de silos con capacidades para almacenar as necesidades da explotación, como dun espazo totalmente pechado, no que se gardará a maquinaria, manténdoa en boas condicións de uso. 640.800 euros do orzamento de 2017 Feito o prego de prescricións técnicas, a USC iniciará de xeito inmediato o proceso de contratación da redacción do proxecto. Logo, o Goberno da Deputación encargarase do proceso de adxudicación das obras, que financiará na súa totalidade. O Presidente xa ten prevista unha partida de 640.800 euros do Orzamento Provincial de 2017 para iniciar a primeira fase destes traballos este ano. Renovación da acreditación internacional de Veterinaria no 2018 A Granxa Experimental do Campus Terra estará en funcionamento no 2018 con 50 vacas en muxido, pois é cando terá lugar a visita a Lugo da Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) para renovar a acreditación internacional coa que actualmente conta a Facultade de Veterinaria de Lugo. Nave de recría de Rubia Galega Entre tanto non rematen as obras da granxa experimental, os alumnos de Veterinaria seguirán a realizar as súas prácticas na actual unidade de leite da Granxa Gayoso Castro. No momento que se produza o traslado, é dicir, que os profesionais e alumnos da USC desenvolvan os seus traballos de investigación na granxa experimental, o Goberno da Deputación adecuará a actual unidade de leite para transformala nunha nova nave de recría de raza Rubia Galega, colaborando deste xeito con Acruga.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2017.