Ir o contido principal

A Deputación da Coruña apoia o proxecto ‘A Economía Galega. Informe 2022’

Xosé Regueira, esquerda, e Antonio López na sinatura do convenio. FOTO: Deputación da Coruña
Xosé Regueira, esquerda, e Antonio López na sinatura do convenio. FOTO: Deputación da Coruña
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron un convenio polo que a entidade provincial achega 35.000 euros para o proxecto

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, asinou o mércores un convenio co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, para a colaboración entre ambas as dúas institucións no programa ‘A Economía Galega. Informe 2022’, subvencionado pola Deputación nun 70%, cun investimento de 35.000€.

Este proxecto consiste na elaboración dun informe anual sobre a economía galega no que se realiza un amplo e detallado estudo sobre a dinámica recente e os problemas socioeconómicos da nosa comunidade. Elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), analiza o mercado de traballo, o eido agrario, a pesca, a industria, a construción, os servizos e os sectores turístico, financeiro, público e exterior.

"A USC ofrece, a través deste informe, unha fotografía completa e rigorosa do contexto económico de Galicia" sinalou Regueira. "Por iso, dende a Deputación colaboramos con esta iniciativa que contribúe ao progreso e a mellora socioeconómica do país".

Coa sinatura deste convenio, a entidade provincial cumpre o seu obxectivo de apoiar o sector académico para a investigación, educación e divulgación sobre os diferentes ámbitos de interese para a sociedade galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2023.