Dereito aborda o impacto do teletraballo na forma de traballar e vivir
Tomando como referencia os modelos adoptados en Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Arxentina ou España, un congreso internacional na Facultade de Dereito analizará este venres 17 e o sábado 18, diferentes perspectivas do teletraballo, unha modalidade de “recoñecida importancia na sociedade actual” e que “cambiou a forma de traballar e vivir”, sinala a directora do congreso, a profesora Lourdes Mella, salientado o interese da temática proposta. O reitor Juan Viaño presidirá a sesión inaugural do congreso nun acto na Facultade de Dereito a partir das 9.30 horas no que tamén está prevista a intervención do presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández López; a subdirectora xeral de Estudos e Cooperación do Instituto da Muller, Esther Escolano Zamorano; o xerente da Asociación Española de Dereito do Traballo e Seguridade Social, Juan Carlos García Quiñones; e a directora do Congreso, Lourdes Mella Méndez. O programa deseñado abarcará unha reflexións sobre as características básicas da consideración do teletraballo ou traballo a distancia e a domicilio; a organización do tempo de traballo, de descanso e conciliación nesta fórmula; o control empresarial e privacidade; ou a prevención de riscos laborais. Ademais prestarase atención a cuestións como o réxime xurídico da relación de teletraballo ou o e-work como mecanismo de inclusión social e responsabilidade social, ademais de revisar o marco xurídico desta modalidade no Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña e a experiencia de Arxentina no relativo ao novo contido na negociación colectiva e a certificación de competencias laborais e o teletraballo. Co lema ‘ E-work como modelo de flexibilidade, conciliación e produtividade no dereito español e comparado’, na Facultade compostelá citaranse expertos das universidades de A Coruña, Bordeos, Complutense de Madrid, Hull, Goethe, Minsk, Sevilla e da propia USC, así como representantes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Asociación Española de Dereito do Traballo ou do Ministerrio de Traballo de Arxentina. Esta é unha iniciativa que organizan a USC, a Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e a Asociación Internacional para o Estudo Internacional e Comparado do Dereito do Traballo e das Relacións Industriais de Italia.