Dereito celebrou a festividade do seu patrón San Raimundo de Peñafort
A Facultade de Dereito celebrou este venres a festividade do seu patrón San Raimundo de Peñafort nun acto que presidiu o reitor da USC, Senén Barro. A sesión comezou coa lectura da memoria da Facultade correspondente ao pasado curso para continuar coa entrega da insignia do centro á profesora Ana María González Bustelo en recoñecemento aos vinte e cinco anos de servizo nesta facultade.
Deseguido, os alumnos que remataron os seus estudos no curso 2007-2008 recibiron un diploma conmemorativo para dar paso á entrega dun diploma ao gañador do primeiro premio dos IV Premios á Calidade Lingüística dos Traballos Académicos. As intervencións do decano, o profesor Luís Míguez Macho, e posteriormente do reitor compostelán Senén Barro, puxeron fin ao acto.