Dereito celebrou a festividade de San Raimundo de Peñafort
O reitor Antonio López presidiu este luns, 23 de xaneiro, o acto institucional co gallo da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón da Facultade de Dereito, no que a lección maxistral correu a cargo do ex presidente do Goberno e antigo alumno do centro, Mariano Rajoy. Antonio López remontouse no seu discurso ás orixes dos estudos de Dereito, o 18 de outubro de 1649, e subliñou como, na actualidade, 200 estudantes completan, cada ano, o seu proceso formativo nesta Facultade da USC.
“Pídesenos algo máis”, afirmou o reitor. “Non só formar e investigar, senón transferir o coñecemento para que a sociedade mellore”, dixo para logo subliñar o rol da Universidade como “igualador de oportunidades”. Ademais, Antonio López quixo lembrar na súa intervención que neste ano 2023 o centro conmemora unha importante efeméride xa que, hai xusto 100 anos, Luisa Cuesta Gutiérrez, convertíase na primeira muller en finalizar os seus estudos de Dereito na USC para converterse despois na primeira profesora do centro.
Lección maxistral
O relatorio de Mariano Rajoy desenvolveuse baixo o título 'Los populismos y el futuro de Europa'. O ex presidente comezou abordando a Unión Europea dende o punto de vista dos seus valores propios. Rajoy lembrou o Tratado de Roma, asinado en 1957, como o punto de partida para a etapa de paz máis longa da historia recente. A continuación, disertou sobre os perigos aos que debe facer fronte a Unión, poñendo particular atención aos populismos e á súa caracterización. Finalmente, o ex presidente puxo o foco nos retos de futuro da UE.
Tamén interviñeron no acto a decana Ana Gude, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e Fernando Suanzes Pérez, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza. O acto comezou coa lectura por parte da secretaria do centro, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, da Memoria de actividades da Facultade correspondente aos cursos 2019/2020, 2020/2021 e 2021/2022.
Insignias
A sesión serviu tamén para render tributo a profesorado do centro a través da entrega das insignias da Facultade que este ano distinguiron a Consuelo Ferreiro Regueiro, Javier Maseda Rodríguez, Miguel Abel Souto, o reitor Antonio López Díaz, Lourdes Mella Méndez, Alba Nogueira López, a decana Ana Mª Gude Fernández, Santiago Bernardo Brage Cendán e José Caamaño Alegre con motivo dos seus 25 anos de servizo. “Hoxe este centro réndevos unha homenaxe modesta pero entrañable e chea de agarimo”, afirmou a decana durante a súa intervención. “Grazas polo compromiso diario e por dedicarlle a esta institución unha parte importante da vosa vida. En nome de todos os que formamos parte dela desexámosvos que gocedes doutros 25 anos repletos de éxitos profesionais, académicos e persoais”, engadiu.
“Se mo permiten, considero que temos bastantes razóns para estar orgullosos da nosa facultade”, continuou a relatar a decana. “A demanda das titulacións que ofrecemos lonxe de decaer increméntase ano a ano”, afirmou para logo poñer o foco nas posicións destacadas que este centro acadou nas máis recentes clasificacións internacionais universitarias. “Estes datos, con todo, non nos poden deixar caer no auto-conformismo”, dixo. “A excelencia constrúese día a día, con esforzo, tesón, dignidade e honestidade. Non deixemos que a cultura da queixa constante e a atonía intelectual embarguen os nosos horizontes. Hai que manter a ilusión. Hai que fomentar a participación de todos en cantas iniciativas se poñan en marcha. Hai que escoitar antes de actuar”, relatou a decana.
“Cada vez está máis clara a esixencia, de achegar á sociedade profesionais preparados, coñecementos que xeren desenvolvemento e avances que permitan mellorar a calidade de vida. E nunha sociedade onde os coñecementos xurídicos constitúen a base do funcionamento cotián e do avance en benestar, unha Facultade de Dereito como a nosa, ten que desempeñar un papel fundamental”, concluíu. A sesión tamén acolleu a entrega de diplomas ao alumnado que rematou os seus estudos no curso 2021/2022 do Grao en Dereito e do Grao en Criminoloxía.