Dereito debaterá a finais de outubro sobre saúde reprodutiva en perspectiva xurídica
Unha conferencia internacional a finais do vindeiro mes de outubro someterá a debate na Facultade de Dereito diversos aspectos relacionados co documento sobre Dereito a Saúde Sexual e Reprodutiva adoptado o pasado mes de marzo polo Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU. O encontro levará por lema ‘Saúde reprodutiva nun mundo xurídico plural’.
Esta conferencia internacional mantén aberta ata o 5 de outubro o prazo para o envío de comunicacións que poidan realizar estudosos/as do ámbito do dereito, ciencias políticas, económicas ou ciencias sociais, entre outros. As persoas interesadas deberán enviar un resumo de 500 palabras así como un breve currículo de como máximo 300 palabras aos enderezos antonietta.elia [at] gmail.com (antonietta[dot]elia[at]gmail[dot]com) ou a beltrigo [at] gmail.com (beltrigo[at]gmail[dot]com). O idioma de traballo da conferencia será o inglés.
O propósito é incentivar un debate interdisciplinar arredor do estado actual das regulacións nacionais e internacionais e a xurisprudencia, ao tempo que comparar diferentes sistemas legais e propostas de boas prácticas para comprobar a interdependencia con outros dereitos humanos e tanto os factores sociais como aquelas barreiras que impiden o acceso equitativo á atención da saúde reprodutiva.
Algúns dos temas propostos inicialmente sobre os que se ordenarán as distintas comunicacións recibidas apuntan a relación da saúde reprodutiva cos dereitos humanos, as novas tecnoloxías, os regulamentos nacionais, a non discriminación, crises humanitarias internacionais, factores sociais ou a incidencia de políticas económicas de austeridade.