Ir o contido principal

Dereito imparte a primeira edición do curso de especialista en Seguridade Social

O curso, primeiros destas características que se imparte en Santiago, contará coa participación do secretario de Estado para a Seguridade Social o xoves 15

Maxistrados, inspectores de traballo, especialistas universitarios e de entidades xestoras conforman o cadro docente do primeiro curso de especialista en Seguridade Social que se impartirá na Facultade de Dereito entre xaneiro e xuño de 2009.
As sesións académicas deste posgrao inaugúranse este mércores 14 nun acto no que participarán o vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel A. Vázquez Taín; os directores provinciais do Instituto Nacional da Seguridade Social, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e do Instituto Social da Mariña; e a directora do curso, a profesora Lourdes Mella. Na mesma sesión, que comezará ás 17:00 horas no Salón de Graos da Facultade, o catedrático de Dereito do Traballo e da SS da Autónoma de Madrid, Luis E. de la Villa Gil, pronunciará a conferencia titulada ‘Acaso non é a protección ás persoas dependentes asistencia social?’.
O secretario de Estado para a Seguridade Social, Octavio Granados, abrirá a quenda de intervencións prevista para o xoves 15, ás 16:30 horas na Sala de Xuntas do Decanato, facendo unha análise da situación e particularidades da Seguridade Social en España.
O programa docente do curso articúlase ao redor de dez bloques temáticos nos que se prestará atención á evolución histórica e fontes do sistema da Seguridade Social (SS), ámbito de aplicación e xestión da SS, ámbitos de encadramento e réxime económico ou prestacións do réxime xeral e dos réximes especiais. Tamén analizaranse outros temas como as prestacións non contributivas, a seguridade social complementaria, a tutela administrativa e xudicial ou a normativa comunitaria e convenios internacionais relativos á SS.
Este posgrao, primeiro destas características que se imparte en Santiago, conta coa colaboración do Instituto Nacional da Seguridade Social, Instituto Social da Mariña e da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.01.2009.