Os dereitos humanos en Nicaragua, tema dunha xornada organizada para este mércores por alumnado de Educación Social
Como parte dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo xunto con Solidariedade Internacional de Galicia, alumnado do 3º curso do Grao en Educación Social da USC organiza para este mércores 12 unha actividade que aborda a loita polos dereitos humanos en Nicaragua.
Nicaragua vive unha preocupante crise sociopolítica e de dereitos humanos, agudizada a partir dos acontecementos desencadeados o pasado 18 de abril de 2018 cando se organizaron protestas masivas en todo o país que foron enfrontadas polo goberno mediante o despregamento das forzas de seguridade, que deixaron centos de vítimas.
Para coñecer en profundidade a situación actual do país, está prevista para este mércores 12 ás 12.00 horas no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) un encontro cunha recoñecida activista e feminista nicaraguana cunha grande traxectoria na defensa dos dereitos humanos. O seu labor remóntase a tres décadas de traballo no campo da xustiza social, a defensa do pobo nicaraguano e a reivindicación do papel da muller.