Ir o contido principal

Desbotando mitos sobre o ADN nas ciencias forenses

Ángel Carracedo Álvarez e Lourdes Prieto Solla, segundo e cuarta pola esquerda. Foto: Leonor Sierra
Ángel Carracedo Álvarez e Lourdes Prieto Solla, segundo e cuarta pola esquerda. Foto: Leonor Sierra
A guía Interpretando la genética forense, na que participan expertos da USC, axuda a aclarar algunhas malinterpretacións que existen en torno ás probas de ADN

Especialistas en xenética forense, entre eles os da USC Ángel Carracedo Álvarez e Lourdes Prieto Solla, acaban de publicar unha guía que explica que pode e que non pode dicirnos o ADN no contexto da investigación dun delito e como pode realmente contribuír a xenética forense ao sistema de xustiza. O proxecto presentouse esta mañá en Madrid no Centro de Estudos Xurídicos.

Na presentación explicaron como a análise de ADN revolucionou a ciencia forense. Axudou a atrapar asasinos en serie e a exonerar a persoas inocentes, pero a medida que as técnicas de xenética forense se desenvolven, aumentando así a súa capacidade para detectar cantidades cada vez máis pequenas de ADN e estendéndose o seu uso, é especialmente importante “que as expectativas de o que pode ou non esclarecer se baseen na ciencia e non na ficción televisiva”.

Para informar ao público da realidade das probas de ADN en aplicacións forenses e as súas limitacións á vez que aclarar algunhas malinterpretacións que existen, investigadores da Sociedade Internacional para a Xenética Forense e outros colegas europeos asociáronse coa organización sen ánimo de lucro Sense About Science para publicar a guía Interpretando la genética forense .

Deste xeito, o libro aclara que a partir dunha mostra de ADN non se pode predicir o aspecto físico xeral dunha persoa que deixou restos biolóxicos na escena do delito, aínda que si algúns rasgos visibles como a cor do pelo ou dos ollos. Tamén explica que o noso ADN está en todas partes, mesmo en lugares onde nunca estivemos xa que nos desprendemos continuamente del e alguén o pode transmitir, ou que o ADN por si só non resolve delitos xa que é un instrumento de investigación eficaz só cando se utiliza dentro dun contexto máis amplo formado por todas as demais probas dun caso.

Para a investigadora colaboradora do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC Lourdes Prieto Solla, a pesar do familiarizados que estamos co termo ADN, con frecuencia se malinterpreta o que realmente pode dicirnos, de aí a utilidade desta guía. “En España son ben coñecidos certos casos, como o asasinato de Eva Blanco ou os de Rocío Wanninkoff e Sonia Carabantes, pero quizais se sabe menos dos detalles sobre o papel que xogou a xenética forense á hora de atopar culpables ou descartar sospeitosos”.

Pola súa banda, o catedrático de medicina Legal da USC Ángel Carracedo mostrouse partidario de aproximar a ciencia á rúa e explicar a todos o valor e os límites das aplicacións forenses do ADN. “Vivimos nun mundo no que as novas xornalísticas e as series televisivas teñen máis impacto que a divulgación científica, o que fai que a cidadanía teña ás veces crenzas erróneas sobre a proba de ADN e por iso poden, nalgúns casos, non valorala correctamente”. O obxectivo da guía é “ precisamente divulgar que é a proba do ADN, cales son as súas posibilidades e por suposto cales son as súas limitacións”, explicou.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2019.