Ir o contido principal

Deseñan un programa para detectar altas capacidades en voleibol en categorías infantís femininas

Mateo Rodríguez realizou o doutoramento na Facultade compostelá de Ciencias da Educación
Mateo Rodríguez realizou o doutoramento na Facultade compostelá de Ciencias da Educación

Os numerosos e importantes avances na modalidade deportiva do voleibol dos últimos anos provocaron que sexa especialmente complicado determinar quen forman parte da súa elite. Para solucionar esta eiva, o graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Mateo Rodríguez Quijada deseñou un programa de detección e formación para mozas con altas capacidades en voleibol en categoría infantil feminina, partindo de que as idades temperás son fundamentais para comezar coa súa formación integral tanto persoal como colectiva e tecnicamente.

Denominado DeFACaVo (Detección e Formación de Altas Capacidades en Voleibol), o programa forma parte da tese de doutoramento que realizou na Facultade compostelá de Ciencias da Educación baixo a dirección de José Antonio Caride e Rafael Martín e pola que acadou a cualificación de sobresaliente cum laude. O traballo completo pode consultarse no repositorio institucional Minerva.

Para o deseño desa ferramenta, Mateo Rodríguez identificou os principais factores de rendemento dunha xogadora de elite, entre os que deben situarse os de índole fisiolóxica, técnico-tácticos ou psicolóxicos, e aos que hai que engadir outros directamente asociados co rendemento como a axilidade ou a coordinación óculo-manual. “Boa parte destes elementos poden ser avaliados nunha xogadora de categoría infantil, sen que teñan que obviarse outras circunstancias como a educación en valores da deportista”, explica o xa doutor.

O programa recorre ao método Beunen–Malina–Freitas para estimar a altura que as adolescentes terán cando sexan adultas; ao software Lince para analizar os elementos técnico-tácticos durante os partidos e competicións, e ao cuestionario de Características Psicolóxicas relacionadas co Rendemento Deportivo (CPRD). Complementariamente, inclúe información sobre se a xogadora practica ou practicou outras modalidades deportivas e sobre as conductas relacionadas co xogo limpo, a equidade e a deportividade.

“Con todos os resultados, máis os seus datos persoais e deportivos, elabórase un informe da xogadora que permitirá estimar, de maneira eficaz, quen ten altas capacidades en voleibol en categoría infantil feminina”, conclúe Mateo Rodríguez.

Tribunal
O tribunal que avaliou a tese estivo dirixido polo profesor da USC Constantino Arce e formado ademais por Sergio López García, da Pontificia de Salamanca, e Ana María Ponce de León, da Universidade de La Rioja.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2017.