O deseño de Teresa Xiaoyu Aboal gaña o terceiro concurso de postais de Nadal da Fundación USC Deportiva
O deseño de Teresa Xiaoyu Aboal impúxose por unanimidade como gañador do terceiro concurso de postais de Nadal da Fundación USC Deportiva e constituirá a imaxe central da Fundación para estas datas. O xurado deste certame outorgou tamén unha mención especial á proposta presentada por Inés Precedo Vázquez. A gañadora do concurso obtén como premio unha praza no Verán CampUSC 2016 e un vale para canxear por material deportivo.
Esta convocatoria estaba aberta a nenos e nenas nacidos entre 2003 e 2012 que debían presentar deseños que unisen o Nadal e o deporte. O xurado valorou a calidade dos traballos tendo en conta a idade dos/as nenos/as, a imaxinación, a orixinalidade e a súa relación coa temática proposta. Conformaron este tribunal o director do Departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández Castiñeiras, como experto en arte; Eva Aguayo Lorenzo, en representación da Oficina de Igualdade de Xénero da USC; David Chao Castro, da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social; Rocio Bulnes Fraga, da Fundación USC Deportiva; e o xerente da mesma Fundación, Óscar Hermida Otero.