Ir o contido principal

O desenvolvemento rural, a atención sanitaria, a igualdade social na xustiza e o modelo alimentario, temas dos cursos que se celebrarán en setembro no Campus de Lugo

O prazo de inscrición pecha esta semana para os dous primeiros e a próxima para os últimos

A xestión do desenvolvemento rural, a atención sanitaria, a xustiza e a igualdade social e as novas tendencias no modelo alimentario actual son os temas dos catro cursos de verán que se impartirán no Campus de Lugo no mes de setembro. O prazo de inscrición está aberto vía Internet e tamén de forma presencial na oficina da Vicerreitoría de Cultura de Lugo. Para os dous primeiros, o prazo remata o día 5 e para os outros dous o día 12.
A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de 30 ou máis horas e de 70 para os demais. Existe ademais un prezo reducido para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC de 70 euros no primeiro caso e de 40 para os cursos de menos de trinta horas.
Xestión do desenvolvemento ruralO día 16 de setembro darán comezo no Campus de Lugo dous cursos máis de verán. Un deles leva por título ‘Indicadores de sustentabilidade e xestión do desenvolvemento rural’ e está dirixido por Marta Cardín Pedrosa e Carlos José Álvarez López. As clases, que representan un total de 30 horas, desenvolveranse ata o día 19.
O curso procura unha achega aos conceptos de sustentabilidadee a utilización de indicadores para a súa xestión dende multitude de ópticas diferenciadas e con enfoques prácticos baseados en casos reais e liñas de investigación de membros do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC (IBADER). Baséase en que os sistemas de indicadores son a maneira máis operativa e flexíbel de estudar situacións complexas, como o son a sustentabilidadedas actividades e/ou o grao de desenvolvemento de determinadas áreas xeográficas.
A atención sanitariaQuince horas de duración terá o segundo curso que se impartirá en Lugo a partir do día 16 con data de remate o 18. Leva por título ‘A atención sanitaria. Unha prioridade permanente’, que está dirixido por José Luis Díaz López.
O curso é unha achega aos problemas de saúde nos ámbitos de planificación, organización e xestión sanitaria. Abrangue os diferentes niveis asistenciais, a atención primaria e especializada, utilizando so froitos da experiencia e con visión de futuro. O obxectivo do mesmo é ser un encontro de participación no que se poidan presentar suxestións, comunicacións e propostas, ademais dos relatorios xerais programados.
Xustiza e igualdade socialO 22 de setembro dará comezo o terceiro dos cursos de verán deste mes, que se alongará ata o día 25 e que leva por título ‘Xustiza e igualdade social: a protección procesual dos colectivos sociais máis desfavorecidos’. Está dirixido por Lotario Vilaboy Lois, con 20 horas de duración.
Neste seminario realizarase unha análise e debate, dende unha perspectiva plural e multidisciplinar, da protección que o sistema xurídico español ofrece na actualidade aos colectivos sociais máis desfavorecidos, en particular, aos menores, estranxeiros, vítimas da violencia de xénero, persoas con discapacidade e a quen carece de recursos económicos suficientes para defender os seus dereitos ante os tribunais de xustiza.
Modelo alimentarioCo título ‘Actualización e novas tendencias no modelo alimentario e gastronómico actual’ se celebrará do 22 ao 27 deste mes o último dos cursos de verán na provincia de Lugo. Está dirixido por Alberto Cepeda Sáez e ten 30 horas de duración.
Este curso ten como principal obxectivo actualizar, divulgar e demostrar que a nutrición levada a cabo correctamente e de forma regulada suplementada coa alimentación funcional e controlada permitirá á sociedade e aos seus membros manter no tempo un estado saudábel, facendo especial fincapé nos problemas de sobrepeso, obesidade e doenzas metabólicas (diabete, etc.), que xa dende a infancia se están orixinando como consecuencia do sedentarismo e os malos hábitos alimentarios. Abordaranse tamén aspectos relacionados coa cociña molecular e innovación en gastronomía e a súa relación cos aspectos saudábeis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.09.2008.