Desenvolven na USC novos métodos para localizar e avaliar danos estruturais en aeroxeradores
O auxe da enerxía eólica e a conseguinte proliferación de aroxeradores na paisaxe galega fai que a ciencia se preocupe cada vez máis pola súa mellora e optimización. Así, a matemática da USC Ana Gómez González desenvolveu e validou na súa tese de doutoramento varios métodos para detectar, identificar e localizar danos en diferentes estruturas eólicas, como torres e palas de laboratorio.
Nos métodos de detección tradicionais empregados ata agora, un cambio nas condicións medioambientais (temperatura, humidade) pode levar a unha falsa alarma, é dicir, á detección dun dano inexistente, cos custos que isto supón. As novas metodoloxías desenvolvidas agora pola doutora da USC son mesmo capaces de detectar o dano “ante os cambios de temperatura ou a presenza de auga pulverizada”, explica.
Ruídos e vibracións
Baseada no mesmo tipo de técnicas que as anteriores, Ana Gómez traballou ademais nunha metodoloxía para identificar as fontes predominantes de ruído e vibración con sinais non estacionarias. En particular, estas técnicas aplicáronse a medidas realizadas nun entorno de laboratorio cunha fonte en movemento e tamén nun ascensor real (micrófonos e acelerómetros colocados no motor, poleas, sistemas de guiado,…). Con isto conseguiuse identificar o motor como a principal causa do ruído percibido na cabina dun ascensor e as poleas como a principal causa da vibración desta.
A tese, desenvolvida dentro do programa de doutoramento en Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas, demostra como as matemáticas poden contribuír na resolución de problemas industriais, neste caso centrados nos ámbitos da enerxía eólica e da elevación.
O traballo ‘Time series methods for SHM applications and multiple coherence computations: assessment in real and laboratory conditions’ dirixiuno Jerónimo Rodríguez e desenvolveuse nunha colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, o centro de investigación IK4-IKERLAN e a Universidade de Patras (Grecia).
O tribunal que lle concedeu a cualificación de sobresaliente estivo constituído polo catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña José Rodellar; o enxeñeiro investigador do Grupo de Innovación de Bruel And Kjaer Sound and Vibration Measurement, Dmitri Tcherniak; e a profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC, Rosa Crujeiras.