Ir o contido principal

Bueno destaca a sensibilidade do campus de Lugo cos sistemas de produción sustentable no inicio do foro de gandería ecolóxica

Sesión inaugural das xornadas 'Gandería ecolóxica, unha alternativa de futuro', en Veterinaria
Sesión inaugural das xornadas 'Gandería ecolóxica, unha alternativa de futuro', en Veterinaria
As xornadas ‘Gandería ecolóxica, unha alternativa de futuro’ reúnen ata o domingo na Facultade de Veterinaria máis de 60 participantes

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, destaca a especial sensibilidade que mostra o campus de Lugo cos sistemas de produción sustentable, como se aprecia na organización e promoción de distintas actividades de formación e divulgación referidas a esta temática, que tamén abrangue o eido da agroecoloxía e, máis en concreto, a gandería ecolóxica.

Bueno Lema realizou estas declaracións na sesión inaugural das xornadas ‘Gandería ecolóxica, unha alternativa de futuro’, un foro de análise e reflexión organizado polas profesoras da Facultade de Veterinaria da USC Marta López Alonso e Marta Miranda, en colaboración coa consultoría Xestión Agrogandeira e Natureza (Xan Galicia), a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), a Fundación Juana de Vega e a Deputación Provincial de Lugo, entre outros. O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; a deputada provincial delegada da área de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Sonsoles López Izquierdo; o vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e profesor na EPS, Xan Neira, e o responsable de Xan Galicia, Y. Pouliquen, acompañaron a Bueno Lema no acto de apertura dun foro que reunirá durante esta fin de semana máis de 60 participantes na Facultade de Veterinaria de Lugo, onde se desenvolverán as distintas sesións formativas e seminarios programados, agás a visita guiada a unha explotacións de gandería ecolóxica prevista para o domingo. O obxectivo desta xornadas, as segundas sobre a temática celebradas no campus de Lugo, pasa por ofrecer aos asistentes, a través das intervencións dos distintos relatores convidados, unha panorámica sobre a situación actual da produción ecolóxica no plano español facendo fincapé na realidade galega e, especialmente, no caso da gandería. Bueno Lama salientou neste senso que as producións ecolóxicas e, nomeadamente, a gandería ecolóxica constitúe unha modalidade de produción cada vez máis arraigada e que non deixou de medrar nos últimos anos, tanto na provincia como no contexto de Galicia e incluso de España. A pegada das producións ecolóxicas é especialmente significativa no caso de Lugo, que conta con preto de 7.000 das 15.670 hectáreas de inscritas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), sinalou Bueno Lema, que tamén salientou que o número de operadores de producións ecolóxicas en Galicia se multiplicou por seis na última década, ao pasar de 115 no 2000 a 656, en 2013. O volume de negocio das producións ecolóxicas ten experimentado unha evolución semellante neste período ata situarse o pasado exercicio 2.013 a carón dos 26.000 millóns de euros. Programa das xornadas As xornadas ‘ Gandería ecolóxica, unha alternativa de futuro’ dedicarán os relatorios da xornada inaugural a ofrecer unha visión global da gandería ecolóxica en Galicia, España e Europa para logo afondar nos distintos sectores de produción: vacún de leite e de carne, porcino, ovino, caprino, aves... Os controis e os tratamentos alternativos en produción ecolóxica, as técnicas de pastoreo e alimentación e o proceso de selección e mellora dos animais ocupará a segunda xornada de relatorios deste foro, no marco do que tamén se celebrarán dúas mesas redondas sobre o impacto do novo regulamento da USC na gandería ecolóxica e sobre a canalización deste tipo de artigos do produtor ao consumidor final. O último día realizarase unha visita guiada a unha finca de gandería ecolóxica na que poderán participar todas as persoas interesadas.

As posibles repercusións da proposta de regulamento da UE sobre agricultura ecolóxica na gandería ecolóxica centrará tamén o debate dun seminario de reflexión organizado pola Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e que se desenvolverá de xeito parello ás xornadas na tarde do venres. Asemade, técnicos da SEAE e do Craega abordarán na mañá do sábado 18 noutro seminario as potencialidades que presenta a gandería ecolóxica na cornixa cantábrica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2014.