Ir o contido principal

Destacada presenza do Departamento de Enxeñaría Química da USC no I Congreso de innovación docente de Granada

O Departamento de Enxeñaría Química da USC terá unha presenza importante no I Congreso de Innovación Docente en Enxeñaría Química que se celebrará en Granada este xoves e venres coa participación das trinta universidades españolas que imparten esa titulación . Á cidade andaluza viaxarán doce docentes do departamento que presentarán tres relatorios orais e seis comunicacións póster.

A USC presentará traballos relacionados con prácticas experimentais para tempos de crise, a explicación de procesos cotiáns mediante conceptos de enxeñaría química, a integración e visualización de conceptos básicos de Enxeñaría Química mediante un estudos de caos apoiado en TIC, simulación dinámica e control dun reactor continuo de mistura perfecta utilizando MATLAB ou aplicación de Excel na resolución de balances de materia e enerxía.

A titoría de grupo con formato de sesión de pósters, a integración dun simulador nunha práctica cunha planta de eliminación de nitróxeno de augas residuais, a implementación do método de Lewis-Matheson mediante MATLAB e a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior dos estudos de grao de Enxeñaría Química das Universidades de Santiago e Porto.

Acreditación internacional
O Departamento de Enxeñaría Química da USC que dirixe Gumersindo Feijoo ten como un dos seus eixos importantes no seu plan de traballo a mellora continua na docencia e investigación que redunde na formación do seu alumnado. Esta liña de traballo foi recoñecida no ano 2011 coa Acreditación Internacional da titulación de Enxeñaría Química polo Instituto Europeo de Enxeñeiros Químicos (IChemE).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2012.