Tres destacados científicos conversan en Filosofía sobre creatividade
O neurocientífico Carlos Acuña, o lingüista Guillermo Rojo e o matemático Enrique Trillas conversarán este martes 28 sobre creatividade nunha nova sesión dos Coloquios Filosóficos en Compostela.
A sesión, que estará moderada polo profesor da USC Alejandro Sobrino Cerdeiriña, terá lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía.
A presenza destes tres científicos ligados á USC susténtase nas súas propias liñas de traballo. Así, o catedrático emérito de neurociencia da USC Acuña Castroviejo estuda cómo se organiza o cerebro durante o proceso creativo e cómo habería que adestralo, mentres que o profesor Rojo, membro da Real Academia Española, é especialista en teoría sintáctica do español e experto en Lingüística Informática. Pola súa banda, Enric Trillas, doutor honoris causa pola USC, foi pioneiro en España na lóxica difusa ou borrosa e centra o seu campo de traballo en tentar conseguir que as máquinas poidan imitar as formas de razoamento humanas.